- A Vicepresidencia da Deputación promocionará os produtos de razas autóctonas nas festas de Saldoira, na Pontenova
O público poderá degustar embutidos de porco celta da gandería Celtagal, de Mondoñedo. O deputado de Rural Daniel García, Alba Fernández, da organización das festas, e Iván Rodríguez e Jose Barreira, representantes de Asoporcel, presentaron a iniciativa, que se inclúe no programa de fomento do consumo de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural de gusto. O programa, posto en marcha en 2025 para socializar as calidades gastronómicas das carnes de razas autóctonas galegas con diferentes receitas, prevé este ano 37 degustacións en mercados, feiras e outras celebracións populares. Na organización, que conta coa colaboración das asociacións Puraga, Asoporcel e Boaga, prímase o emprego de materia prima de gandeiras e gandeiros locais.
- O Concello de Viveiro manterá aberto durante os meses de xullo e agosto o campo de fútbol Marcos Gómez, en horario de 8.00 a 15.00 horas.
O obxectivo é facilitar que os mozos e mozas que o desexen poidan facer uso destas instalacións. A medida permitirá empregar o campo para a práctica deportiva e para a organización de partidos informais durante o período estival. Desde o Concello de Viveiro sublíñase a importancia de ofrecer espazos deportivos accesibles durante as vacacións de verán e de favorecer hábitos de lecer activo entre a mocidade.
- Veciñxs de Ribadeo, persoal municipal, concelleirxs, o alcalde, representantes de Acisa e venezolanas asentadas no concello gardaron este venres un minuto de silencio en lembranza polas persoas falecidas nos terremotos ocorridos en Venezuela
A convocatoria foi realizada polo Concello para amosar a solidariedade de Ribadeo con esta catástrofe natural.
- A Sociedade Cultural Ledicia celebrará este domingo, 28 de xuño, un Festival de Baile e Música Tradicional na Praza do Concello de Burela, ás 19:30 horas, como peche do curso 2025/2026
No evento participarán todas as seccións da escola, que amosarán o traballo desenvolvido ao longo do ano. A entidade adianta tamén que está a ultimar os preparativos da XL Feira do Bonito, da que ofrecerá máis información proximamente.
- Dani Moirón será o adestrador do Ribadeo FC a vindeira tempada
Renova o seu compromiso co club despois de facerse cargo do equipo a mediados da campaña pasada. O técnico pontenovés afrontará este novo ciclo con traballo, compromiso e ilusión para seguir liderando a nave celeste.
- O XXXIII Festival Folclórico Infantil celebrarase este sábado, 27 de xuño, ás 19:30 no pavillón do CEIP San Miguel, en Reinante
O evento, organizado por O Arco da Vella coa colaboración do Concello de Barreiros e o CEIP San Miguel, contará coa participación dos grupos ACF Gamelas e Anduriñas de Espasante e O Arco da Vella de San Miguel de Reinante. Antes do festival haberá un pasarrúas con saída desde a Praza do Souto.
- Este venres, 26 de xuño, ás 20:30 horas, terá lugar na libraría Bahía de Foz a presentación do libro Mazarelos, de Manuel Portas
No acto acompañará ao autor o filólogo e escritor Ramón Reimunde.