Ribadeo, 8 de marzo de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, referiuse hoxe á situación económica do Concello. O rexedor destacou que Ribadeo está a pagar practicamente ao día aos provedores e “o que estamos a facer é amortizar anticipadamente os préstamos adquiridos na época na que gobernou o PP”.
Deste xeito o alcalde ribadense responde ás críticas vertidas nas últimas horas desde o grupo municipal popular sobre o Campionato Nacional de Baloncesto Feminino que neste 2017 non se celebrará en Ribadeo.
O rexedor dixo: “fala da situación económica e desde logo non é extraordinaria, pero si seguimos con sentidiño nos próximos tempos vai ir a mellor, como así estivo facendo nestes últimos anos. De feito podemos dicir con disimulado orgullo que imos pagando practicamente ao día, algo que na historia de Ribadeo en poucas ocasións aconteceu”.
Suárez Barcia subliñou: “e outro dato do que estamos moi satisfeitos no goberno municipal é que cando na época na que gobernaba o PP, xa hai anos, coa economía boiante como era, con todo e a pesares diso pedíanse préstamos ano tras ano, endebedando a situación económica do Concello. Agora nestes últimos anos, coa economía moi paradiña como está, nós lonxe de pedir máis préstamos, do cal tanto legal como politicamente poderiamos, dedicámonos nestes últimos anos a amortizar anticipadamente a débeda. Esa é a realidade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, David Rivas, insiste en que non se puido chegar a un acordo coa organización do Campionato Nacional Junior Feminino de Baloncesto, para que Ribadeo fose unha das sedes do evento, debido á cantidade económica solicitada.
O edil indicou que “diante da imposibilidade de chegar a un acordo, quedamos emprazados tanto por unha banda como pola outra de, en caso de repetirse esta oportunidade o ano que ven ou o seguinte, planificar as cousas con máis tempo, poder contemplar unha partida orzamentaria nos presupostos anuais e intentar levar adiante outro ano o que neste 2017 non foi posible”.