Foz, 10 de abril de 2017. Eulalia Rodríguez Pérez, Sofía Seijas Díaz, Pepita Moreda Moreda e Marco Antonio Fernández Vila recibiron os pergameos de confrades de honra da Confraría do Desencravo durante o acto do pregón da Semana Santa de San Martiño o pasado sábado. Nesta parroquia focense celebráronse onte os actos do Domingo de Ramos.
O pregón, que tivo lugar na basílica de San Martiño, correu a cargo do bispo de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras Berzal, que foi presentado pola presidenta da directiva da Confraría do Desencravo e concelleira focense de Cultura, Silvia Blach Cuesta. No acto tamén interviñeron o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, e o cura párroco de San Martiño, Antonio Valín Valdés. A Coral Polifónica de Foz ofreceu o primeiro concerto da XIV Semana da Música Xosé Alonso.
Onte, domingo, en San Martiño tiveron lugar os actos do Domingo de Ramos coa bendición de ramos e palmas na Praza da Basílica, seguidamente procesión co acompañamento musical do grupo de gaitas de O Feitizo, despois houbo misa e a continuación concerto dentro da Semana da Música a cargo do coro Consonante, de Madrid.
Os actos da Semana Santa de San Martiño continuarán este mércores, día 12, na igrexa de San Xoán de Vilaronte, onde ás oito e media da tarde haberá un novo concerto dentro da Semana da Música, neste caso a cargo de Felipe Sánchez e África Rodríguez. E ás 21 horas terá lugar o Oficio de Tebras.