Polo mes de abril de 2007 – hai xusto 10 anos- , a prensa publicaba os resultados dunha enquisa da USC, previa á elaboración dun anunciado “Plano do Desenvolvemento Turístico da Mariña”, nunca consumado, como é tradicional en toda iniciativa desta índole, propalada polos políticos. Dela, deducíase que, os mais graves atrancos que padecemos como destino turístico, eran – e seguen a ser- a infraestructura viaria, a alta estacionalidade e a falta dunha planificación conxunta; así como que o urbanismo feroz daquéla vixente, incidira no medioambiente, restando atractivos á zona.
O das estradas é un tema tópico: padecemos o mal endémico duns políticos que só se lembran delas para usalas como arma electoral…para de contado esquecelas. Así ven sucedendo ó longo dos tempos e nenguén ten a coraxe política precisa para rachar dunha vez con situación tan lamentable, e humillante, por tercermundista.A alta estacionalidade pódese polo menos paliar, cando os que gobernan os nosos concellos sexan quen de mudar os “chips” e, de verdade, pillar o touro polos cornos e afrontar o traballo, tantas veces anunciado,que implica poñerse “mans á obra”, coa seriedade e a implicación real que o mesmo requere.Claro que para logralo é condición “sine qua non”ter superado o que, entre nós,é histórico muro infranqueable: a mentalidade retrógrada; o localismo míope e a actitude individualista dos que pilotan os pobos; éstes, adestrados no uso interesado dos medios de comunicación,fártanse de facer declaracións altisoantes, nas que nen eles cren; dende unha óptica demagóxica e populacheira, que nada aporta á sociedade, pois a iso queda reducida a verborrea.
Á vista do resultado da enquisa (hai dez anos, insistimos) falouse de crear un órgano de xestión comarcal: como non podía ser doutro xeito, nada se fixo.
O 7.2.94, o cronista publica o comentario “O virus de Fitur”. Eran tempos en que os políticos da zona se viran impelidos pola irresistible atracción da prestixosa feira e así, aínda aqueles que amosaran sempre o desdén pola promoción turística, alá apareceron, eles ou os enviados, acaso tratando de convencer ós “Tours operators” para que, na planificación das campañas, consideraran o destino que, sen dúbida,colmaría as apetencias dos potenciais clientes: aquel lugar ignoto do que eles son os mandamais. Decíamos entón, e ratificamos hoxe, ¡ 23 anos despois!, que nengún pobo da Mariña, por sí só, ten atractivo abondo nen servicios, mais alá das praias, que podan espertar o interese, que xustifique ás axencias tal destino con estancia de días na comarca.Imponse, polo tanto, a unión, para ofertar uns “paquetes turísticos”, coa suficiente entidade e atractivo que logren derivar hacia os nosos pagos unha parte dese mercado do que hoxe nos tocan apenas unhas migallas.Deixemos de elucubrar con cuestións que nada podemos facer por modificalas: o clima, mais ou menos é o de sempre, e os homes do tempo van seguir predecindo as condicións metereolóxicas da maneira que deduzan dos seus análises e estudos.¿por qué nonos esforzamos na loita por aquelas cuestións susceptibles de mellora ós fins que se perseguen?Por qué non se planifica, seria e responsablemente, unha estratexia solidaria dos distintos concellos?¿Non existe unha Mancomunidade disposta a liderala? Claro que para iso é condición indispensable que os que os gobernan cambien os “chips”. De non ser así non queda esperanza; a unión é obrigada: hai preto de dous séculos, xa o dixera Curros Enriquez: “ Todo, para ser grande e forte/ se xunta, une e se arreconchega./ Quen á discordia se entrega/ vai dereito cara á morte”.