Lugo, 30 de maio de 2017.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, propuxo hoxe na Xunta Xeral da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (Suplusa) que os membros que forman parte da mesma se dirixan ao Consello de Administración e ao máximo responsable da sociedade para iniciar o cambio da Presidencia, tanto da Xunta Xeral como do Consello de Administración da entidade.
Así, Darío Campos perderá a presidencia de Suplusa, tras pedir o cambio máis da metade dos seus 25 membros, entre eles o seu vicepresidente na Deputación.
Os populares fan esta petición ante a situación de parálise que atravesa a Sociedade, polo que na reunión celebrada hoxe trasladaron a urxencia desta decisión, que finalmente saíu adiante.
Elena Candia lamenta que “ao longo destes meses” os socialistas non foran capaces de tomar decisións tan relevantes como inscribir no RUEPSS (Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais) a Suplusa, o paso previo para poder abrir as residencias de maiores da provincia nas que teñen comprometido 23 millóns de euros. “O presidente foi incluso máis alá e defendeu en sede xudicial que a institución provincial non ten competencias sobre estes centros”, recorda a voceira.
Unha actitude irresponsable
Os populares consideran que o presidente da Deputación actúa de xeito “absolutamente irresponsable” ao ter culpado á Xunta do retraso na apertura dos centros cando nos xulgados esgrime que a competencia para a prestación social dunha residencia da terceira idade é un servizo social especializado que en ningún caso é competencia provincial senón autonómica.
Así o recolle a demanda que interpuxeron os tres deputados do PSOE (Darío Campos, Pilar García e Lino Rodríguez) fronte á Sociedade Urbanística Suplusa co obxecto de impugnar o acordo do consello de administración sobre modificación dos estatutos sociais adoptado o 28 de xullo de 2016, e ao que previamente votaran a favor.
Nela explican que “en definitiva, a prestación social dunha residencia da terceira idade é un servizo social especializado, ou aínda interpretándoo de forma laxa, un servizo social comunitario específico, o certo é que a competencia, en ningún caso é provincial senón autonómica e, nalgún caso, municipal”.
Por todo o anterior, consideran os populares, Darío Campos está completamente deslexitimado para seguir levando as rendas desta Sociedade, polo que é necesario un cambio que permita que desenvolva as funcións que lle son propias.