Mondoñedo, 10 de maio de 2017.- A alcaldesa Elena Candia puxo en valor hoxe a capacidade do Goberno local para “establecer pontes con todas as administracións e acadar importantes convenios para achegar aos veciños e veciñas os fondos que nos van permitir darlle unha imaxe renovada á cidade e o pulo necesario para gañar calidade de vida a través de novos servizos”.
En concreto, a rexedora destacou durante a visita institucional do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, que “hoxe Mondoñedo é un exemplo de colaboración e de entendemento con outras administracións”. No transcurso da mañá, a alcaldesa e o dirixente provincial visitaron as obras de rehabilitación da Casa Museo de Cunqueiro e supervisaron as actuacións de mellora no alumeado público no Coto e do Plan de Obras e Servizos en Masma.
Plan Único
Elena Candia puxo que manifesto que “estes lazos entre administracións son os que estreitamos co Plan Único, un programa da Deputación de Lugo que achegará a Mondoñedo 288.098 euros e que “nos van permitir acometer obras de enorme necesidade, o que vai supor unha mellora substancial nas infraestruturas municipais”. As actuacións, que van permitir acometer melloras na accesibilidade peonil, accesibilidade para o tráfico en núcleos de poboación e melloras nas dotacións públicas, desenvolveranse en Xiros, en San Lázaro, na Avenida de Bos Aires, na Avenida Bispo Fernández de Castro, así como en Tronceda. Inclúese nesta programación para o 2017 a adaptación e edificación da ludoteca e a adquisición dunha finca para aparcadoiro.
Petición de posta en valor do Mirador
A alcaldesa non quixo pasar por alto “a importancia de investir tamén no complexo do miradoiro, tal e como o Pleno vén de solicitarlle por unanimidade”. Así pediu ao presidente provincial que vele pola mellora dunha infraestrutura da súa titularidade que, “a día de hoxe, non presenta o estado que debera. Agradecemos que o presidente tome nota desta reivindicación, que foi apoiada por todos os grupos con representación da Corporación no último Pleno, e que dea os primeiros pasos para ese mellor aproveitamento”, solicitou.
Firma no libro de ouro
O presidente provincial tamén asinou no libro de ouro da cidade, un acto que para a alcaldesa supón “un fito que marcará un antes e un despois para este equipo de Goberno, que desde hoxe aglutina no seu libro de ouro a sinatura do presidente do Goberno do Estado e do presidente autonómico”.
Para Candia, este volume, “testemuña imborrable da nosa historia, incorpora desde hoxe para o seu acubillo na memoria de todos os nosos coetáneos a rúbrica do compromiso, o que este Goberno municipal e esta alcaldesa teñen acadado das administracións provincial, autonómica e estatal”. Unha colaboración, engade a rexedora, “que se traduce en feitos, en obras, en actuacións concretas que fan de Mondoñedo un espazo no que vivir e un lugar no que investir. Un compromiso que nos ten convertido nunha cidade que recobrou e segue a gañar o peso que lle corresponde no mapa do progreso da nosa comunidade”.
Así, a rexedora tamén quixo agradecer á Xunta de Galicia actuacións como son os máis de 2 millóns de euros destinados á LU-124, o convenio asinado recentemente con Augas de Galicia para a mellora do abastecemento, por importe de 200.000 euros, ademais de achegas para a mellora de diferentes prazas públicas e actuacións nos eidos do turismo, do emprego, da educación ou da cultura, entre moitas outras. Ao igual que, engadiu, “o fin que nos move é o mesmo que nos ocupa nos acordos acadados a nivel estatal, grazas aos que, por exemplo, temos conseguido 200.000 euros destinados por Fomento para o arranxo da Rúa Lence Santar e para posta en valor do entorno da Igrexa Nova”.