Mondoñedo, 11 de maio de 2017.- O concello de Mondoñedo reforma o alumeado público en varios barrios e lugares do municipio, aforrando ao mesmo tempo importantes custos na factura eléctrica. A memoria xustificativa foi aprobada este mércores en Xunta de Goberno, e inclúe o desglose de actuacións que supoñen un investimento total de 20.335 euros.
Concretamente, segundo precisa a alcaldesa da localidade, Elena Candia, as melloras benefician aos núcleos de Coruxeiras, Pelourín Avenida Eladio Lourenzo, Coto de Otero e Coto de Recadeira. “Hoxe demos un paso adiante na mellora da eficiencia enerxética do concello. O que pretendemos e prestar un servizo máis óptimo, ao tempo que reducir o custe para as arcas públicas”, destaca a rexedora local.
112 puntos de luz.
En total, o programa engloba a mellora nos 112 puntos de luz existentes nestas zonas. Así, substituíronse 23 lámpadas de 250W de vapor de sodio de alta presión por 23 luminarias LED de 60W, así como outras 89 de vapor de sodio de 70W polas de LED de 30W. Este proxecto realizouse ao abeiro do programa de aforro e eficiencia enerxética posto en marcha pola Deputación de Lugo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Cumprimento escrupoloso dos parámetros legais
A actuación prevista cumpre, ademais, escrupulosamente os parámetros indicados pola lexislación que rexe este tipo de acondicionamentos. Segundo se pode apreciar en dita memoria, estes parámetros son os seguintes: sistema de acendido por reloxo astronómico; sistema de dobre nivel (4,5 horas 100%, resto 75%); Real Decreto 1890/2008, de 14 de novembro, en canto aos niveis de iluminación e uniformidade das vías reformadas; Real Decreto 842/2002 que aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión; e RD 842/2002 que indica que as instalacións de alumeado público exterior con potencia instalada non superior aos 5 KW non será obxecto de inspección inicial nin periódicas.