Lourenzá, 31 de maio de 2017. O equipo de goberno do Concello de Lourenzá sae ao paso das críticas vertidas pola “lideresa da oposición” respecto ao último pleno da corporación e manifesta que “a señora Álvarez Chao ten por costume insultar á alcaldesa e ao seu equipo, tratándoos de ditadores, cando no pleno non se fai o que ela ordena. No último ata ameazou con abandonalo porque desde a Secretaría se lle indicaba que as mocións debe lelas literalmente, que o debate é a posteriori. Despois de dous anos aínda non se decatou a señora Álvarez de que non goberna ela en Lourenzá. A portavoz popular ten o feo costume de desprezar sistematicamente o traballo feito polos seus antecesores, mesmo se avergonza do seu partido cando se lle recorda que levan gobernando toda a vida no concello. Tovar non é cousa dela, tampouco o edificio Marful, nin as estradas que en tan mal estado nos deixou en herdanza, …”
Os membros do goberno municipal engaden: “vemos nos medios de comunicación que noutros concellos a oposición formula propostas, colabora co goberno, media coas administracións da mesma cor política, aportan solucións aos problemas dos veciños, … Aquí, en Lourenzá, é distinto. O Partido Popular intenta sempre, tanto nas mocións como nas preguntas que presenta e nos comunicados aos medios, sementar dúbidas sobre a honorabilidade do equipo de goberno, con descualificacións gratuítas e ata insultos. Temos que recordar que este tipo de actuacións xa as realizaban cando gobernaban, con reunións clandestinas na biblioteca municipal para intentar difamar ao responsable doutro organismo público do Concello. Ben recordará este caso algunha concelleira da oposición”.
O equipo de goberno tamén explica que “presentou o Partido Popular unha moción sobre a cesión á Deputación da estrada coñecida como Camiño A, de titularidade municipal. Temos que recordar que os populares gobernaron na Deputación nesta lexislatura e que a señora Álvarez Chao foi asesora neste organismo. ¿Por que non aproveitou ese momento para facer o que agora propón? Que asesoraba a señora Álvarez? Desde logo para o Concello de Lourenzá non asesorou nada, nin propuxo nin conseguiu nada para os veciños e veciñas dos que tanto se preocupa agora. Á voceira popular parece que non lle gustou nada que se arranxara esta estrada. A lideresa da oposición non conta a verdade cando fala sobre a retirada da proposta da Alcaldía sobre o regulamento dos aparcamentos no municipio. Desde o Concello non se pretende prexudicar aos negocios, senón que o único que se modificaba era o referente aos aparcamentos privados, un privilexio que non existe en ningún lado. Nin se mencionan os vados nin as zonas de carga e descarga. De todas maneiras en breve convocarase aos veciños para unha xuntanza informativa, onde se aclararán todas as dúbidas sobre estes cambios na normativa para poder presentalo no próximo pleno. Ten unha teima a señora Álvarez coa área do Ranchito. Algo curiosa é a maneira que ten a voceira popular de eludir as súas responsabilidades. O valado desa área, segundo ela, está deteriorado e podrecida a madeira desde xullo de 2015 (non precisa do día do mes). En marzo, abril… estaba en perfecto estado. Chegou o goberno socialista e a madeira, que non era proclive ás novas ideas, entrou de súpeto en estado de podremia. Dá risa, señora Álvarez”.
Os gobernantes locais rematan comentando: “o que lle agradecemos á voceira popular é que nos ilustre nos seus escritos coa súa sabedoría e comparta con nós as súas lecturas, incluíndo nelas citas de Platón e mesmo de Cantinflas, algo que seguramente veña da herdanza recibida do seu antepasado político: o señor Fraga Iribarne”.