Burela, 16 de xuño de 2017. Burela estuda adherirse á campaña En negro contra as violencias. A concelleira de Igualdade, Patricia Otero, asistiu este venres en Santiago a unha xuntanza político-técnica, atendendo ao convite realizado pola concelleira de Igualdade, de Compostela, Marta Lois. Máis de 50 concellos de toda Galicia estiveron presentes nese encontro celebrado no Auditorio de Cersia.
Deste xeito botan a andar as actividades e iniciativas que se desenvolverán o vindeiro mes de novembro.
A edil burelesa explicou que “desde Burela estamos interesados en participar nesta nova edición de En negro contra as violencias, coma unha forma de visibilizar a lacra que supón a violencia machista para a nosa sociedade. Por ese motivo acudimos á xuntanza celebrada hoxe en Santiago de Compostela”.
Patricia Otero engadiu que “agora no equipo de goberno estudaremos a posibilidade de adherirnos a esta campaña na que o pasado ano se tinguiron de negro 17 concellos galegos e centos de establecementos comerciais na nosa comunidade autónoma”.
A concelleira de Igualdade considera que “en materia de igualdade é preciso actuar tod@s xunt@s, á marxe de cores políticas. Só así poderemos loitar con moita forza contra a violencia de xénero, que cada ano acaba coa vida de ducias e ducias de mulleres no noso país”.