Burela 9-6-17. Dende a Plataforma de afectados do plan único da Avenida Arcadio Pardiñas de Burela queremos facer unha valoración da reunión mantida hoxe entre os representantes do Concello de Burela e unha representación de comerciantes afectados polas obras de reforma na travesía xeral e membros desta Plataforma.
A reunión foi solicitada polo Centro Comercial Aberto-ACIA Burela trala petición de varios socios na ultima reunión deste colectivo empresarial, e nela tamén estivo o presidente da entidade, Ruben Pinín; mentres que polo Concello estiveron o alcalde, Alfredo Llano, e o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Servizos, Deportes, Comercio e Turismo, Ramiro Fernández.
A xuntanza serviu para constatar a boa predisposición de ambas partes en atopar puntos en común e tentar reverter os erros cometidos polos gobernantes municipais na remodelación da travesía xeral, aínda que ámbalas-dúas posturas aínda distan moito de estar preto.
Nas dúas horas que durou a reunión trasladámoslles aos membros do Goberno local as nosas queixas pola eliminación de tres pasos peonís e unha zona de carga/descarga; polo pintado da liña continua de todo o trazado e seguimos solicitámoslle tamén que o Concello habilite máis prazas de aparcamento na contorna da zona.
Algunha destas peticións fóronnos rexeitadas rotundamente sen darnos ningún tipo de opción alternativa. Foi o caso da reposición da liña descontinua. Na nosa opinión, esta liña continua impide a fluidez do tráfico e provoca que a marxe sur da travesía estea discriminada ao carecer de aparcamentos. En definitiva, queremos que sexa unha zona máis permeable (como era antes); na que se facilite o paso de peóns entre ambas marxes e se axilice o tráfico de vehículos.
Sobre a supresión da zona de carga e descarga, aseguróusenos que a parcela que o Concello está habilitando para tal fin nun terreo particular na confluencia de Arcadio Pardiñas e rúa Pascual Veiga vai satisfacer as necesidades dos transportistas e para iso amosáronnos un borrador de como quedaría a zona cos novos accesos que teñen previsto facer. Nós, aínda que valoramos o traballo feito polo Concello, non creemos que esta obra vaia a solucionar o problema. Creemos que a superficie que o Concello destina non é suficiente e seguimos mantendo que é imprescindible unha zona de carga/descarga na outra marxe da vía (onde se suprimiu), aínda que forse máis pequena e sempre e cando se complemente coa que están habilitando.
Neste senso os responsables municipais nos aseguraron que estaban en conversas cos donos de fincas colindantes a esta nova zona de carga/descarga para facer alí un aparcamento. Creemos que, de frutificar esa xestión que nos anunciaron, sería unha boa nova, xa que dende a Plataforma vimos mantendo a necesidade de habilitar máis aparcamento, porque o tramo modificado coa nova ordenación viaria feito polo Concello afecta precisamente á zona con maior densidade empresarial de todo o municipio (no tramo en cuestión atópanse máis de medio cento de comercios e empresas; ademais de ser a zona onde están a grande maioría de entidades bancarias e tamén dous supermercados).
No que atinxe aos tres pasos peonís eliminados díxosenos que dende o Concello se comprometían a restablecer dos deles, pero sempre e cando a Policía Local “constatara por escrito mediante un informe” que “un número considerable” de peóns continúan a cruzar a estrada por onde estaban eses pasos suprimidos.
Por último, dende a Plataforma de afectados do plan único da avenida Arcadio Pardiñas creemos conveniente agardar un prazo dun mes para ver como avanzan os compromisos anunciados polo alcalde e polo primeiro tenente de alcalde nesta xuntanza. Isto non significa que dende a Plataforma abandonemos as nosas reivindicacións e que deixemos de traballar a prol da execución das obras neste treito de estrada tal e como figuraba orixinalmente no proxecto feito pola oficina técnica e aprobado pola comisión de Goberno local.