Mondoñedo, 4 de xuño de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, fixouse onte o reto, xunto ao seu equipo de Goberno, de seguir incrementando o esforzo inversor “de todas as administracións” para conseguir “o mellor Mondoñedo posible”. Así o destacou nun acto ateigado de veciños e veciñas no que fixo balance deste ecuador do mandato co obxectivo, remarcou, de achegar a xestión municipal a todos e todas.
Na súa intervención tivo palabras de agradecemento para os traballadores municipais e para os veciños e veciñas por ter permitir levar a cabo proxectos conxuntamente, entre os que se referiu, de xeito especial, aos de Argomoso “pola súa xenerosidade” ao ceder o paso para a pasarela que comunica coa cova do Rei Cintolo. A rexedora deu conta do traballo feito con transparencia, o que se executou, os custos e de onde saíu o financiamento. Agradeceu tamén acordos como o alcanzado como BNG pola Ordenanza eléctrica.
A rexedora explicou que, desde a súa chega á Alcaldía “fixemos o noso compromiso público de actuar sempre con transparencia, poñendo en práctica o programa ao que os mindonienses decidiron darlle maioritariamente o respaldo. Candia afirmou a súa intención de “levar a cabo ese acordo contraído con cada un de vós facéndovos partícipes da nosa acción de Goberno e escoitándovos, xa que sodes os faros que deben guiar o camiño da nosa xestión pública”.
Defendeu o traballo dun Goberno “transparente e dialogante” e deu conta, de maneira detallada, de todos e cada un dos proxectos executados ou en marcha. Candia fixo fincapé en eidos de actuación como a creación de emprego, os servizos sociais e o turismo. Entre elas, na área de emprego destacou accións como son os obradoiros de emprego, as brigadas contraincendios e as medioambientais; os plans de emprego e a constitución dunha aceleradora de empresas, dun viveiro de empresas, dunha bolsa de locais comerciais sen actividade e as xestións relativas á promoción do polígono industrial. En servizos sociais, deu conta da apertura do centro de día ou da eliminación da lista de agarda de Axuda do Fogar e informou que están en marcha proxectos como a creación dunha ludoteca e a ampliación da gardería municipal.
Xa en turismo, ademais das iniciativas promovidas polo Goberno local para a promoción dos recursos locais (proxecto Retinae, melloras na xeoreferenciación, colaboración coa Aciam…), tamén citou a forte aposta polo Camiño de Santiago, polo Mercado Medieval, As San Lucas e a accións en relación á Cova do Rei Cintolo. De igual xeito, tamén resaltou o compromiso do Concello co medio rural a través de plans como o de desbroces, os investimentos nas concentracións parcelarias, a renovación de luminarias, a melloras en pistas e camiños, xunto a outros plans de acción veciñal en colaboración coas asociacións.
Colaboración con outras administracións
Froito da colaboración coas distintas administracións, o Goberno de Candia está a promover diferentes investimentos en infraestruturas na localidade; dende os máis de 2,5 millóns na LU-124; ás melloras de diferentes prazas públicas por 645.000 euros; a rehabilitación de vivendas nos Muíños (500.000 euros); ao arranxo da Rúa Lence Santar (200.000 euros); ás melloras en abastecemento de augas; ás obras na casa de Álvaro Cunqueiro, creación dun Museo da Imprenta ou recuperación dun inmoble para a divulgación da arquitectura. A estas súmanselle outros proxectos rematados como obras nos colexios, parques infantís, gardería, Casa da Xuventude, campo de fútbol, piscinas, pista de pádel, pista do pavillón. Ademais, entre os proxectos de futuro destacan as reparacións das pontes de Viloalle e do Cote, así como accións noutras rúas tanto do casco como do rural dentro do Plan Único ou Leader.
A popular tamén tivo tempo para facer referencia ao programa desenvolvido dentro da área de cultura (ciclos de teatro, cine, concursos literarios…); e de educación, cun destacado compromiso pola FP dual ou en deportes, coa posta en marcha do novo ximnasio municipal.
Un obxectivo común
O equipo de Goberno púxose a disposición dos veciños e veciñas que enchían a Casa da Xuventude para resolver as dúbidas que tiñan e recoller as súas propostas para seguir tendo en conta nos dous anos de mandato que quedan por diante. “Asumiremos aquelas propostas que nos permitan mellorar na nosa xestión por un obxectivo que nos une a todos: coidar e mellorar a nosa cidade”, remarcou.
Candia finalizou a súa intervención afirmando que “traballamos por Mondoñedo, por mellorar as oportunidades que ofrece e por optimizar os seus recursos e os seus servizos e por lograr aquilo que vemos necesario para a cidade, para o seu casco histórico e para o seu rural”. “Unha tarefa na que, engadiu, a palabra e a opinión de todos os mindonienses, conta”.