Foz 08-06-2017.- Considerar que unha alegación unicamente pode estimarse ou desestimarse na súa totalidade, sen contemplar a posibilidade da estimación parcial, deixa atónito a calquera entendido en dereito e vai en contra do noso ordenamento xurídico. Cando unha alegación expón diversas cuestións, a resolución, debe decidir todas as cuestións expostas polos interesados e mesmo aquelas conexas ás mesmas e debe facelo de forma motivada. Así o dispón a lei e así se fai en todas e cada unha das administracións de España.
Esta reflexión vén a colación do acontecido no pleno extraordinario do Concello de Foz, onde se resolvía unha alegación exposta pola Asociación de veciños San Gonzalo de Forxán sobre a modificación de crédito aprobada na sesión plenaria do 4 de maio.
O PSOE tras a exposición sobre todos e cada un dos puntos da alegación, propuxo a desestimación de todos, salvo un. É dicir, facer unha estimación parcial da alegación, no punto que facía referencia ás partidas de 70.000 euros para a compra dos terreos da nova depuradora e de 50.000 euros para a realización de obras e melloras en Forxan en compensación por dita depuradora. O resto da corporación votou en contra de que se puidese facer unha estimación parcial da alegación, obrigando á súa valoración conxunta. Polo que o PSOE votou en contra da desestimación de dita alegación.
Os socialistas entendemos perfectamente a postura dos populares, pero de ningunha maneira a dos demais grupos da oposición, unha vez máis votando co PP, cando é a corporación a que analiza, valora e resolve a alegación como mellor precede aos intereses de quen a presenta e do conxunto da veciñanza.
Uns, apelando a unha falsa responsabilidade cos veciños, que nada ten que ver co que se expuña no pleno e outros asumindo como propias opinións que, de ningunha maneira, son acordes co noso ordenamento xurídico.
Neste pleno non se debatía nin a localización da depuradora, nin a compensación económica aos veciños de Forxan, se non, entre outras o destino das mencionadas partidas no orzamento deste ano 2017.
Si aínda non se realizou nin o estudo de impacto ambiental, nin o anteproxecto da nova depuradora, proceso que durará máis de 10 meses, segundo se informou na comisión de seguimento da construción da mesma e ademais, no convenio celebrado entre Augas de Galicia e o Concello de Foz, se sinala como obrigación poñer a disposición os terreos antes do inicio das obras, a compra de ditos terreos podería facerse, perfectamente, a cargo dos orzamentos futuros e é un contrasenso facelo antes de saber o resultado do estudo de impacto ambiental, xa que podería non ser favorable, co que nos atopariamos cuns terreos e sen depuradora.
En canto aos 50.000 euros destinados a obras en Forxan, o PSOE mantén a mesma postura do último pleno, onde presentabamos unha emenda para destinar esta cantidade ás beirarrúas do cemiterio por consideralas agora mesmo, mais prioritarias, necesarias e urxentes.
Non entendemos como se pode primar a uns veciños en detrimento de outros, salvo que, se recoñeza explicitamente que se lles está prexudicando. Si estes investimentos se prolongarán durante a vida útil da depuradora, é dicir durante 20 ou 25 anos e se considera que dita vida útil comeza cando entre en funcionamento, alá polo 2020- 2022, habería marxe dabondo para compensar aos veciños. Desde logo, a depuradora non está construída, nin hai ningunha obra iniciada e nin sequera está redactado ante-proxecto polo que, agora mesmo, non hai nada que compensar.
Outra oportunidade perdida para as tan necesarias beirarrúas do cemiterio.