Burela, 10 de xullo de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, e o presidente do CCA de Burela, Rubén Pinín, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre as dúas partes, renovando así o subscrito en exercicios pasados.
Segundo explicou o rexedor “mediante esta firma o Concello comprométese a subvencionar con 18.000 euros ao CCA burelés, para o desenvolvemento das súas actividades promocionais. Tanto nós desde o Concello como o CCA temos obxectivos comúns como poden ser promover a actividade económica de Burela a través da hostalaría, do comercio, da industria e dos autónomos. Para ilo é preciso unha colaboración estreita neste ámbito”.
Alfredo Llano engadiu que “ao longo da mañá deste 10 de xullo asináronse outros convenios con distintas agrupacións e entidades sen ánimo de lucro de Burela, referentes todos eles ás subvencións nominativas contempladas no presuposto xeral de 2017 do noso Concello”.
O alcalde subliñou que “todo isto é unha mostra do compromiso deste equipo de goberno coas asociacións e colectivos do noso pobo”.