Lugo, 27 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e mais o director de zona de Abanca en Lugo, Óscar Salgado, asinou na tarde de hoxe os convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia, neste caso dos equipos de Lugo e a súa área. O Plan de patrocinio, que para esta tempada contará cun orzamento global de 2.420.000 euros, está financiado pola Fundación Deporte Galego (1.694.000 euros) e por Abanca (726.000 euros) e beneficiará a un total de 166 equipos galegos o que representa un incremento de case o 26% con respecto ao ano anterior, cando foron 132 os equipos beneficiados, e do 86,5% respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados. Neste sentido, Marta Míguez, valorou concretamente “o incremento do número de equipos femininos patrocinados: 28 equipos na tempada 2008-2009, 54 o exercicio pasado e 69 na actual campaña”. “Porque dalgún xeito ten que verse reflictido que cada ano somos máis as mulleres que practicamos deporte, ben sexa federado ou non”, engadiu.
Para a máxima responsable do deporte galego, estes 166 convenios representan “o traballo ben feito de todas aquelas entidades que prestan un servizo fundamental para a nosa sociedade: a accesibilidade ao deporte e á competición deportiva”. A secretaria xeral manifestou que “a Xunta de Galicia debe ser ese defensor e protector da práctica deportiva, como o é da cultura ou da educación” xa que “o patrimonio deportivo de Galicia vai en aumento e achega á sociedade uns valores fundamentais ligados a un estilo de vida saudable”. “Ese é o noso papel como patrocinadores do deporte de Galicia: continuar apostando cada ano con máis forza pola vida deportiva e os valores deportivos necesarios para o conxunto da sociedade como son o esforzo, o traballo en equipo, o respecto ao adversario a ás normas ou mesmo á vida saudable”, apuntou.
En termos absolutos, desde que o Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia botou a andar na tempada 2009-2010 a Xunta leva consignados a este aspecto uns 17,4 millóns de euros. Unha cantidade, dixo a secretaria xeral, “que sería inalcanzable se non contásemos co apoio de ABANCA” a quen agradeceu “o seu esforzo e a súa aposta decidida polo deporte galego”.
Ao fío desta idea, a secretaria xeral identificou o Plan de patrocinios como “un excelente negocio” xa que apostar polos deportistas galegos “é apostar sobre seguro”. Así, Marta Míguez fixo un chamamento a todas aquelas entidades privadas para que, como ABANCA, “se sumen a este compromiso que beneficiará, sen excepción, a todos os habitantes de Galicia”.
Os 21 equipos de Lugo e a súa área que asinaron hoxe os convenios de patrocinio foron: o Club Baloncesto Breogán SAD, o Club Porta XI CB, o Clube Ciclista Cidade de Lugo, a Asociación Deportiva Tripenta Terras de Lugo (feminino e masculino), o Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial nas especialidades de tríatlon (feminino e masculino) e dúatlon (feminino e masculino), o Club Peluquería Mixta Friol, o CD Burela Fútbol Sala (feminino e masculino), o Prone Lugo Asociación Deportiva, o Club de Hockey Feminino Meigas, o Club Patíns Lóstregos Lucus (feminino e masculino), o Club Fluvial de Lugo (feminino e masculino), O Club Piragüismo Cidade de Lugo e o Club Emevé (feminino e masculino).