Foz 28-7-17. Un total de dez días e nove concertos conta esta primeira xira de Xógara na que lle
regalará a súa música á audiencia galega. Unha tournée máxica que pecha co seu último concerto o martes 8 de agosto ás 23.00h na Praza Conde de Fontao de Foz .
Quen anda tras este nome que para a xente galega fala das pedras que aparecen cando baixa a marea? Xógara naceu en Oxford da man de tres músicos británicos e un galego e é un proxecto que encarna a mellor tradición europeísta da música folk. Non por nada un dos seus últimos temas é unha versión do tema de John Spiers ‘Fuck the Tories’.
Siriol Davies, a voz principal, procedente do País de Gales, non só nos regala coa súa garganta, senón tamén co seu oboe e con pequenas percusións sorprendentes. John Ruddock, voz curtida no West Country a base de Sea Shanties (as cantigas de traballo mariñeiras) bríndanos o ritmo das cordas da súa guitarra e o seu bouzouki. Da mesma comarca vén Jo Hamilton que trae algunha das composicións máis prezadas desta banda e pon a madeira nos ventos do seu saxo soprano e da súa frauta. Mano Panforreteiro pon as gaitas galegas e o low whistle. O único galego desta banda vén de Foz, alí onde a palabra xógara resona moito máis ca un seixo.
A tournée de Xógara é única e diversa coma a propia banda. Comeza o domingo 30 de xullo nos xardíns do Eido Dourado, museo situado fronte á Praia da Pasada en Barreiros. O segundo concerto ten lugar en Ribadeo, para todas aquelas persoas que se acheguen ao Parque San Francisco. O primeiro serán do mes de agosto o concerto será no “Cinema Palleiriso”: unha palleira reconvertida en auditorio usando as butacas dos cines que pecharon en Ourense e Chantada. Deste xeito celebra a xente da Casa das Árbores de Chantada cinco anos animando e traballando polo medio rural. O 2 de agosto Xógara recala na sala máis dinámica de Galicia: A Arca da Noe, en Vilar de Santos. O xoves 3 de agosto fan concerto na sala A Fundación de Melide. “Zoelas” amadriña este concerto tocando un par de temas e interpretando por vez primeira con Xógara dúas cantigas: unha galesa e outra galega. Ocasión única para escoitar estas dúas bandas nun mesmo escenario. Venres e sábado Xógara vai cara a Ortegal. O “Mar de Mares” en Espasante e “Paralaia” en Ortigueira acollen cadanseu concerto. Despois dun día de descanso chega a recta final desta tournée: Santiago de Compostela e Foz.
“A Gentalha do Pichel”, incansable en Compostela, acolle este concerto. Moita festa traerá o último concerto, parte das patronais de Foz, que se celebra na noite do martes 8 de agosto. O público poderá disfrutar nesta xira dunha chea de sonoridades pouco habituais: os fonemas do galés, o galego na boca de cantantes británicos, as harmonías atrevidas e os contrastes entre a música caladiña e os altos decibelios. Un proxecto expansivo que non sabe de fronteiras. Para non perder.