Lugo, 7 de maio de 2017. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde do Vicedo, José Jesús Novo Martínez, a Tenente de Alcalde, María Pilar Otero Ínsua, e o voceiro socialista, Vicente Parapar, presentou este venres no municipio mariñán o Maratón de tenis de mesa e o IX Trofeo Concello de Vicedo de fútbol, que se celebrarán os días 18 e 19 de agosto, respectivamente. O organismo provincial colabora na organización destas dúas citas deportivas cunha achega de 850 euros, fomentando o deporte e dinamizando a actividade do Concello durante a fin de semana.
Rivera Capón subliñou que “con estas dúas actividades reforzamos a oferta de ocio do Concello do Vicedo, ofertando unha alternativa lúdica e deportiva ao turismo de sol e praia no mes de agosto, promovendo así mesmo un estilo de vida saudable. Facémolo ademais apostando por unha modalidade minoritaria como é o tenis de mesa e cun torneo de fútbol cuadrangular que xa se ten consolidado na mariña occidental”.
Maratón de tenis de mesa
O Maratón de Tenis de Mesa do Vicedo terá lugar o día 18 de agosto, a partir das 19:00 horas, na Casa da Cultura do municipio. O evento está dirixido a xogadores maiores de 14 anos e o prazo de inscrición estará aberto ata o xoves día 17 ás 15:00 horas na propia Casa da Cultura. Cobrarase un prezo mínimo de 3 euros e haberá premios para os tres primeiros clasificados, que consistirán en diferentes produtos tecnolóxicos.
IX Trofeo Concello de Vicedo
Por outra banda, o IX Trofeo Concello de Vicedo celebrarase o día 19, a partir das 17:00 horas, no Campo de Fútbol de Boa Vista, e contará con formato de cuadrangular. Deste xeito, os equipos participantes serán: Celeiro Club del Mar, Unión Deportiva Folgueiro, Club Deportivo Candelaria e Club Deportivo Roupar.
Cada encontro terá unha duración de 45 minutos e disputaranse de maneira consecutiva dende as 17:00 ata as 21:00 horas, momento no que terá lugar a entrega de premios e trofeos, cedidos pola Deputación e o Concello.