Cervo, 30 de agosto de 2017.- O Concello de Cervo reabrirá a Piscina Olímpica Municipal o vindeiro luns, 4 de setembro, tal e como estaba previsto, e logo de permanecer pechada, tal e como vén sendo habitual, durante o mes de agosto para acometer traballos de mantemento e polo descanso do persoal que traballa nas instalacións.
O rexedor, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, estiveron visitando a piscina, supervisando os traballos que se acometeron e que, tal e como apuntou Villares “foron dirixidos fundamentalmente á zona do vaso; e tamén se fixeron outros traballos de mantemento na zona mecánica da piscina que rondaron os 6000 euros de inversión procedentes integramente de fondos municipais”.
Soto apuntou que durante este mes de agosto permaneceu aberto o ximnasio da piscina e recordou que “dende o Concello de Cervo non se vai emitir ningún recibo este mes de agosto aos socios, aínda que fixeran uso de xeito habitual das instalacións”.
A Piscina Olímpica Municipal abrirá no horario habitual, de 9:00 a 22:00 horas, de luns a venres ininterropidamente; e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 18.00 a 21:00 horas.
Villares sinalou que o obxectivo do Concello de Cervo é “manter sempre as nosas instalacións en estado óptimo e idóneo para a práctica deportiva; e dende este luns,
-engadiu- “convidamos tanto aos socios como aos non socios a que veñan a desfrutar da natación e dos beneficios deste deporte ao noso Concello, nunha piscina única polas súas características na provincia de Lugo, coa que temos o privilexio de contar en Cervo”.
