Lugo, 31 de agosto de 2017. A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este xoves a mostra pictórica Escolma do artista lucense Xosé Randolfe Vilariño, que estará exposta ata o 15 de outubro no Refectorio do Museo Provincial de Lugo.
García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación facemos unha aposta decidida por impulsar, apoiar e difundir o traballo e a labor de todos os artistas da nosa provincia, como é o caso de Randolfe Vilariño, por iso programamos este tipo de mostras durante todo o ano nas nosas salas expositivas. Temos o privilexio de contar por primeira vez no Museo Provincial de Lugo coa obra deste veciño de Carballedo, que a través desta colección pictórica amosa o seu estilo propio, colorido e alegre que leva realizando durante máis de 30 anos de dedicación”.
Escolma está composta por 17 pinturas seleccionadas polo propio Randolfe Vilariño, exclusivamente para esta exposición, na que se recolle un anaco da ampla e brillante traxectoria do artista lucense, así como os diferentes estilos, formas, cores e temáticas; entre as que destacan temas recorrentes como a figura feminina ou a vexetación, ademais de reflectir a súa preocupación por temas sociais, entre os que sobresae a violencia de xénero.
Nos seus cadros o pintor plasma as diferentes influencias e referencias pictóricas, como os movementos vangardistas de finais do século XIX e do XX, entre os que predomina o expresionismo, distintos trazos de cubismo, arte pop, surrealismo ou o movemento figurativo, entre outros moitos.
O horario da mostra é de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas. Sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.
Randolfe Vilariño
Xosé Randolfe Vilariño naceu no Concello de Carballedo no ano 1960. Estudou na escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela, onde se graduou en Artes aplicadas, na especialidade de esmaltes. En 1984 realizou unha viaxe de formación a París e posteriormente a Florencia. En 1987 participou como invitado na Bienal de Esmalte de Limoges, en Francia, na sección de novas tendencias na arte do esmalte. O pintor lucense tamén realizou estudios de Xeografía e Historia e de Enxeñería Técnica Forestal. Ao longo da súa obra, maioritariamente pictórica, o autor experimentou tamén coa escultura. Randolfe Vilariño xa expuxo parte da súa obra por distintos puntos da provincia lucense, Galicia, Barcelona e Francia.