Barreiros 9-8-17. Un ano máis, no medio da aclamación popular, chega o volei praia á Pasada. O XIV torneo Internacional de volei praia da Pasada (San Miguel de Reinante- Barreiros), o evento máis agardado polos habituais desta praia e o que maior impacto causa entre as persoas que o presencian por vez primeira, disputarase este venres, 11 de agosto a partir das 11,30 da mañá.
Como cada ano, agárdase un nivel impresionante debido á calidade contrastada das parellas que, verán tras verán, deleitan ás persoas asistentes con volei de moitos quilates. Nesta ocasión, o grande aliciente será ver se algunha parella é capaz de baixar do trono aos vixentes campións, Carmen Souto e Guillermo Avendaño. A principal alternativa represéntaa a histórica parella formada polo veterano Javier Reigosa e o sempre fiable Roberto Casas, que aspiran a recuperar o título que cederon na pasada edición, nunha final marcada pola polémica. Entre as demais participantes destancan a presenza dos eternos aspirantes Luna e Juanjo Lacasta, ademais de outras grandes figuras deste deporte como Mireia Oteros, Paloma Remior, Carlos Winck ou Carlos P. Carregal.
A grande incóngita, á marxe da habitual dúbida de quen formará tándem este ano con Jose Abanda, será ver o rendemento que ofrece Carlos Salvador, despois de comezar a tempada nun estado físico cuestionable. No lado negativo, resaltar a ausencia por lesión de Rodrigo Avendaño, co que agardamos poder contar na entrega de trofeos.
Queremos convidar a calquera persoa que nos queira acompañar nas instalacións da praia da Pasada, renovadas expresamente para a ocasión, para contribuir a facer aínda máis grande o espectáculo. Coma sempre, a xornada culminará cunha cea de confraternidade aberta a todas as persoas participantes e acompañantes.