Lugo, 28 de setembro de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, segue apoiando os proxectos impulsados no ámbito da acuicultura mariña e, máis en concreto, vén de outorgar unha axuda de 53.000 euros para subvencionar distintas melloras nas granxas de linguado e rodaballo emprazadas no polígono industiral de Cuíña, en Cervo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o Goberno galego subvencionará os investimentos que estas empresas realizan para modernizar as instalacións de engorde e cría de peixe e nos que prevé investir preto de 179.000 euros.
As achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e teñen por obxecto contribuír, entre outros, os seguintes obxectivos: fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables, impulsar a aplicación da política pesqueira común e fomentar un desenvolvemento territorial equilibrado e integrador das zonas pesqueiras e acuícolas.
Balseiro significou que a actividade da acuicultura favorece o crecemento e a creación de emprego, por iso é crucial que o FEMP sexa accesible para as empresas acuícolas. Estes mesmos apoios teñen por obxecto aumentar a competitividade e os resultados económicos das actividades acuícolas e fomentar a innovación e o espírito empresarial.