Lugo, 2 de setembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, retou a alcaldesa de Trabada a que recoñeza publicamente diante dos seus veciños que o Concello non presentou alegacións ao Plan de transporte público por estrada durante o prazo establecido ao efecto.
A Xunta de Galicia someteu as novas liñas, horarios e paradas a información pública entre 30 de maio e o 10 de xuño, período durante o cal os distintos Concellos podían presentar a súas alegacións e propostas de modificación e mellora. Non facelo, como aconteceu no caso de Trabada, supoñía dar a súa conformidade ao novo plan.
Balseiro explica que a simple elaboración do cuestionario de necesidades que remitiu o Concello de Trabada ao inicio do proceso de revisión do mapa de transporte non é suficiente se despois, unha vez que se deseñan as liñas, desde os concellos non alegan propoñendo as modificacións oportunas, como aconteceu no caso de Trabada. O dirixente territorial lembra ademais que é un procedemento administrativo moi habitual e sinxelo.