Estamos a vivir días estranos, convulsos, eléctricos, cambiantes, bipolares. A sociedade española dialoga consigo mesma intentando identificarse, recoñecerse, auto-perdoarse. Tempo de cambios.
Os xornais, as redes, a televisión, a xente… Centos de conversas simultáneas, escoitamos voces pero non sabemos onde.
Tamén semella que por todas as canles falan do mesmo, centos de diálogos mais todos están a tratar idéntico tema.
¿Seremos capaces de por orde en toda esta tolemia? Ás veces un mírase no espello e non sabe quen é o tipo que o escruta.
Camuflada polo medio da actualidade política, sobresae de cando en vez algunha nova de sucesos. Esta semana teño que recoñecer que houbo unha que me captou a miña atención: a daquela parella de Huelva que se quitou a vida cunha sobredose de fármacos.
Cansos de padecer decidiron suicidarse tendo ao seu cargo a tres menores. Estes non se deron de conta, seguiron a facer a súa vida normal, de xeito independente aos seus pais, como facían de cotío. Foron ao colexio e valéronse por eles mesmos, como era costume. Conviviron case unha semana cos corpos mortos dos seus proxenitores.
Foi cinco días despois do finamento cando o propietario do inmoble no que residía a familia percibiu un forte fedor.
Sucedeu en Andalucía, unha das rexións máis pobres de Europa, e, a pesar do morbo, o titular foi unha anécdota exótica no medio da tormenta política destes días.
As autoridades manifestaron as súas condolencias polo acontecido e prometeron avaliar todo o proceso de asistencia social ata concluír se puidera existir algunha responsabilidade por omisión.
Capítulos dunha narrativa que se repite a diario por todo o territorio do estado; en Galicia existen un total de 33 asentamentos chabolistas esparexidos por todo o mapa, con 2.500 persoas en risco de exclusión social. Vigo, Ferrol, A Coruña, Carballo, O Porriño… Cartón, uralita, e chatarra.
Como a pobreza é unha enfermidade aínda non diagnosticada queda moi lonxe a cura e, pola contra, ameaza cunha rápida propagación.
Entre medias unha sociedade cada vez máis dividida e confrontada discute a berros, impregnada de carraxe, a propósito de complexas cuestións xurídicas, da legalidade e da lexitimidade. Cartas de desesperanza.
