Lugo, 8 de setembro de 2017. O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, o torneiro Alfonso Francos, e a Directora Xeral de Comercio e Consumo, Sol Mª Vázquez Abeal, presentaron este venres na Biblioteca municipal de Xermade, o XVII Encontro Internacional de Torneiros da madeira, que terá lugar os días 22, 23 e 24 de setembro, no polideportivo municipal de Xermade. O Executivo Provincial colabora coa celebración desta programación artesanal cunha achega económica de 3.000 euros. Pola súa parte, o Concello de Xermade, aporta outros 2.000 euros e cede o espazo para a realización do encontro.
Vidal Baamonde subliñou que “é un pracer colaborar un ano máis co Concello de Xermade e cos mestres torneiros que participan nesta xuntanza, consolidada no tempo, na difusión e promoción dos oficios tradicionais que caracterizan a nosa cultura. Temos que promover estes distintivos para que máis xente descubra a riqueza da nosa provincia. Esta é, precisamente, unha das liñas de actuación do Plan Estratéxico de Turismo, no que se enmarca a achega económica que dende o Goberno da Deputación facemos ao encontro, na posta en valor das tradicións deste municipio, promovéndoo e contribuíndo a súa dinamización social e económica, pois durante as 3 xornadas que dura o evento, reuniranse en Xermade máis de 3.000 persoas”.
O XVII Encontro Internacional de Torneiros de madeira contará coa presenza de catro espertos e profesionais da artesanía: a inglesa, Margaret Garrard; o suízo, Jérôme Blanc; o vigués, Adrián Pena; e o veciño das Pontes, Lolo Castro. Estes mestres da tornaría realizarán demostracións en vivo e compartirán as súas técnicas cos asistentes. Ademais, haberá postos de venda de maquinaria, ferramentas artesanais, publicacións e camisetas conmemorativas, así como exposicións de pezas torneadas en anteriores edicións. As pezas máis estéticas e mellor elaboradas desta edición, serán seleccionadas para a exposición itinerante CONtornos 2016-17.
Encontros Internacionais de Torneiros
Os Encontros Internacionais de Torneiros naceron en 2001 na Aldea Artesán de A Fraga, no Concello de Xermade, coa intención de recuperar do esquecemento un oficio tradicional en Galicia, documentando as ferramentas, maquinaria, materias e técnicas de traballo, para logo dalas a coñecer ao maior número de persoas. Unha das finalidades didácticas que persegue este evento é divulgar os valores do oficio, algo que está a ter resultados satisfactorios, pois o público asistente, ten cada vez mais argumentos para diferenciar artesanía e industria. Durante os 3 días que dura o encontro, reúnense profesionais e afeccionados para compartir experiencias e coñecementos, ao tempo que se achega ao público en xeral o mundo da tornaría.
Programación de actividades
Venres, 22 de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
– Ás 10:30 horas: Inauguración oficial no Polideportivo municipal.
– De 10:30 a 19:00 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
– De 11:00 a 19:30 horas: Demostracións para inscritos, Margaret Garrard, jérôme Blanc e Adrián Pena.
Sábado, 23 de de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
– De 10:30 a 14:00 horas: Demostracións para inscritos, Margaret Garrard, jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
– De 10:30 a 19:30 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
– De 16:00 a 18:00 horas: Demostracións para o público por parte de Margaret Garrard, jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
– De 16:00 a 19:30 horas: Espazo de iniciación o torneado supervisado por monitores.
– De 18:00 a 19:30 horas: Escolma das pezas para a exposición itinerante CONtornos 2017-18.
Domingo, 24 de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
– De 10:30 a 14:00 horas: Demostracións para o público por parte de Margaret Garrard, jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
– De 10:30 a 14:00 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
– De 10:30 a 14:00 horas: Presentación da exposición itinerante CONtornos 2017-18.
– Ás 13:00 horas: Clausura do XVII Encontro de Torneiros da madeira de Xermade.