Cervo, 28 de setembro de 2017.- O Concello de Cervo celebrou no día de hoxe un pleno ordinario, no que, entre os puntos da orde do día, destaca a aprobación da Conta Xeral correspondente ao exercicio do 2016, en tempo e forma dentro dos prazos que sinala a normativa vixente en materia de Facendas Locais.
Neste senso, o rexedor valorou positivamente as cifras porque tódalas magnitudes que recolle o documento teñen un signo positivo, “o que é mostra da boa xestión que entendemos se está a facer dende a Administración Local, que permite que podamos seguir a traballar na liña en que o vimos facendo, coa premisa de manter a estabilidade que nos posibilita seguir a materializar eses proxectos que temos en mente, actividades culturais, deportivas, sociais, investimentos…en definitiva, dar resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas”.
Villares desagregou os datos, puntualizando que o remanente de tesourería para gastos xerais, ascende a 2.603.912 euros. En canto ao resultado orzamentario axustado, sitúase nos 885.260 euros; mentras o indicador de estabilidade orzamentaria sitúase nos 627.313 euros, un resultado que mostra unha situación de superávit nas arcas municipais.
Pero ademais de cumprir coa estabilidade orzamentaria –engadiu Villares- “que implica que o Concello é autosuficiente, sen acudir a fontes de financiación externa, Cervo cumpre coa regra de gasto fixada pola normativa en materia de sustentabilidade financieira, cun gasto computable do exercicio de 2016 que ascende a 5.094.328 euros”.
Viilares sinalou que “esta non é unha situación puntual, senón unha tendencia positiva que o Concello leva varios anos mantendo, que permite afrontar a xestión municipal nun marco de tranquilidade económica e financeira, froito da responsabilidade e equilibrio que reflexan as contas”.