A Mariña 29-9-17. Esta semana iniciou no centro de recursos que COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) ten en Palmeiro, un curso AFD sobre Actividades de xestión administrativa.
Cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, este curso pretende ser unha oportunidade para as 12 persoas que o iniciaron, 7 mulleres e 5 homes, unha cifra que incrementará en 2 persoas máis a partir da semana que vén. Todas estas persoas proceden dos concellos de Viveiro, Cervo, Burela, Barreiros e Ferreira de Valadouro.
Para poder apuntarse a esta formación, foi necesario ter discapacidade e/ou incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual, ademais de estar en situación de desemprego e ser maior de idade.
O alumnado, a maioría co graduado na ESO ou FP1, terán que asimilar e controlar materias como operacións administrativas comerciais, xestión operativa de tesouraría, xestión auxiliar de persoal, rexistros contables, gravación de datos, xestión de arquivos, ofimática, ademais de sensibilización na igualdade medioambiental e de xénero e igualdade de oportunidades.
Ata finais do mes de xuño van asistir a clases de luns a venres en horario de mañá, de 9:30 a 14:30, ata completar a totalidade das 898 horas das que consta a formación e que, ademais das clases teóricas presenciais, tamén contarán con clases prácticas que realizarán en empresas da zona.
Todas as persoas que iniciaron esta formación estaban apuntadas na bolsa de emprego que ten o Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI (SIL), que conta cunha base de datos na que hai 499 persoas inscritas como demandantes de emprego (315 homes e 184 mulleres con discapacidade) de toda A Mariña lucense.
Durante este ano, a través do SIL insertáronse 30 persoas, e a orientadora laboral, Raquel Grandío Montes, que se despraza ata a zona dúas veces por semana, orientou a 50 persoas e visitou 6 empresas para explicarlles que é COGAMI, como funciona o servizo de emprego que temos para as persoas con discapacidade e dos beneficioso que resulta darlle unha oportunidade laboral a unha persoa con discapacidade, non só porque existan beneficios fiscais, senón polo enriquecedor que resulta para a empresa coñecer a diversidade, outras realidades que existen o feito de poder ter contacto con elas.
