As solucións emancipadoras dos problemas do século XXI xurdiran, necesariamente, da loita de ideas, da confrontación radical de modelos contrapostos.
É por esta mesma razón pola que nos atopamos nun impasse de crise integral do sistema: a II GM trouxo consigo o contrato social europeo de posguerra, tutelado polas democracias cristiáns que defendían postulados liberais e pola socialdemocracia herdeira do comunismo.
A mediados dos anos 70 España era unha miríada de ideoloxías que abranguían a nostálxicos nacional-católicos, liberais clásicos, socialdemócratas, comunistas, anarquistas, nacionalistas de toda pelaxe…
No país veciño Salazar caía no ano 74 devorado pola lírica da revolución dos cravos e o cambio na vella España era case unha esixencia do guión; mais a transición non ía ser gratis: o axustizamento de Puig Antich ou os asasinatos de Vitoria foron peaxes de pago previo e o ditador morreu matando e prostrado nunha cama.
A narrativa que segue é por todos coñecidos: franquistas, reformistas e rupturistas puxéronse de acordo para fixar un novo marco de convivencia que aseara un pouco o vello estado español.
Pouco a pouco, paseniño, foi chegando a modernidade, certa dose de liberdade, a tensión perenne da bota militar materializada no conato de golpe, o crecemento económico e, como consecuencia inherente de todo o exposto, a tecnocracia, a mediocridade política e a morte da loita de ideas.
Primeiro foi o descrédito dos partidos turnistas PSOE e PP que cristalizaba naquela frase, “no son la misma mierda pero cagan parecido”, logo o dos partidos de novo cuño, “todos son iguales”, e finalmente a desafección total dunha grande parte da xente que se sinte por enriba da política, “esos sinvergüenzas!”.
Neste intre de fractura social e impugnación total do sistema eu fago unha proposición: a recuperación da loita de ideas. Teremos que falar pois.
Teremos que contar que dende o dous de setembro de 2011 o estado español está intervido de facto. É preciso prestarlle a mesma atención ao artigo 135 da CE que ao 155.
Hai que por negro sobre branco que dende esa data cedemos a soberanía, que a perda de capacidade para emitir débeda pública e a adecuación ao principio de estabilidade orzamentaria implica que quen pon a pasta pon as condicións.
Non pense vostede que rematarei cunha conclusión meridiana afirmando que isto debera ser así ou non ou dando unha folla de ruta. Pense vostede, pero debe saber que dende o ano 2011 os seus representantes non son os das cortes españolas, senón os do Deustche Bundesbank.
¿Debera ser así ou doutro xeito? ¿Tería máis lexitimidade unha decisión respaldada por un referéndum? ¿Cabe outro modelo de integración europeo? ¿É posible un novo contrato social en España? ¿Son incompatibles democracia e legalidade?… Moito máis importante que as respostas son as preguntas… Un dos persoeiros que máis dignifica a historia do noso país, Melchor Rodríguez García, “el ángel rojo”, esquecido de toda a narrativa da transición, dicía: “Se puede morir por las ideas pero nunca matar por ellas.”