Cervo, 3 de de 2017.- O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, convoca axudas para o transporte daqueles alumnos que cursan estudos fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do Concello.
Os estudantes terán que cumprir os requisitos establecidos nas bases e presentar a documentación no Rexistro Xeral da Casa do Concello.
Tal e como sinalou o rexedor, Alfonso Villares, trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais, e este ano decidimos dar un paso máis, incrementando as axudas nun 25% por cada alumno beneficiario, o que supón que cada estudante que cumpra os requisitos recibirá 250 euros, 50 euros máis que o pasado curso.
O obxectivo non é outro -engadiu- que o de “brindar apoio ás familias, porque somos conscientes do gran esforzo económico que supón para moitas delas a educación dos seus fillos, e contribuír, así mesmo, a que exista igualdade de oportunidades. E por suposto, é unha forma de apoiar a formación e o estudo, ao igual que facemos con outras subvencións tamén municipais, como é o caso das axudas ao material escolar e libros, ás ANPAS ou aos colexios”.
Entre os requisitos, por exemplo, teranse en conta os ingresos económicos da unidade familiar, que deberá estar empadroada no Concello de Cervo; e o alumno deberá ser menor de 30 anos.
Ademais, o solicitante ten que cursar algunha destas titulacións: Ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas.
Documentación
En canto á documentación a presentar, deberase entregar no Rexistro do Concello fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, autorización de todos os membros computables para obter información das diferentes administracións, copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro educativo no curso 2016-2017 e, en caso de discapacidade ou dependencia, certificado emitido polo organismo oficial correspondente.
Aquelas persoas que desexen máis información ao respecto poden achegarse ás oficinas municipais.
Os impresos están dispoñibles para a súa descarga no taboleiro de anuncios da web municipal www.concellodecervo.com.
Axudas para material escolar CEIP Cervo nº1
O Concello de Cervo tamén ten aberto o prazo de solicitude de axudas para a adquisición de libros e material escolar para as familias do alumnado de Educación Infantil (2º ciclo) do CEIP Cervo Nº1.
O rexedor apuntou que “dispuxemos dunha partida orzamentaria de 4000 euros para estas axudas e cada alumno recibirá un máximo de 130 euros, en función da renda familiar”.
Cada impreso de solicitude deberá ir acompañado das fotocopias do DNI dos membros da unidade familiar, unha fotocopia do libro de familia, certificado do nivel de renda e factura da compra ou orzamento do material adquirido nun establecemento comercial do municipio. A documentación ten que presentarse no Rexistro Xeral do Concello.
Aquelas persoas que desexen máis información ao respecto poden achegarse ás oficinas municipais.
O Concello de Cervo fixo chegar xa os impresos ás familias que poden resultar beneficiarias; pero tamén están dispoñibles para a súa descarga no taboleiro de anuncios da web municipal www.concellodecervo.com.