Alfoz (Lugo), 10 de novembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse ata a fervenza de Escouridal, en Alfoz, onde recentemente remataron as obras de mellora do acondicionamento e sinalización impulsadas por Turismo de Galicia.
Balseiro lembrou que o Goberno galego destinou 40.600 euros ao concello de Alfoz para os traballos na ruta da fervenza e para mellorar a sinalización da Pena Abaladoira e do Castelo de Castrodouro, outros dos principais recursos turísticos do municipio.
Acompañado do alcalde de Alfoz, Jorge Val, o delegado afirmou que “o Goberno galego quere contribuír a consolidar a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.
No caso de Alfoz, abríronse algo máis de 200 metros no tramo final de acceso á fervenza e actuouse sobre o total da ruta, de 1,5 quilómetros, habilitando pasos con pedras de granito sobre dous regueiros, limpando a vexetación, retirando algunhas árbores e mellorando a rasante e o firme con zahorra nas partes máis deterioradas.
Ademais, a mellora da sinalización “axudará a dar a coñecer este impresionante paraxe e outros atractivos do municipio, atraendo visitantes e impulsando a diversificación da economía local coa achega do sector turístico”, afirmou Balseiro.
Deste xeito, engadiu, “aproveitamos outro mecanismo de reequilibrio territorial, e ao mesmo tempo, incidimos no tipo de turismo que queremos desenvolver na provincia: accesible, sustentable e de calidade”.
A axuda de Turismo de Galicia ao concello de Alfoz enmárcase dentro da orde de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en liña co Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.