Lugo, 18 de xaneiro de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este xoves en FITUR os novos traballos audiovisuais da campaña de promoción turística do conxunto da provincia, que leva por nome Lugo Cambia. Son as primeiras iniciativas que o Goberno Provincial ten preparadas para este ano, compostas por 7 vídeos en galego, castelán, inglés, alemán, francés, italiano e portugués sobre os recursos turísticos dos 67 Concellos, nos que o coñecido presentador lucense Martín Barreiro convida a visitar a provincia, dando conta dos sentimentos que produce facelo e destacando que “unha viaxe á nosa provincia vos cambiará para sempre”.
Campos Conde presentou os vídeos promocionais Os sentimentos dunha viaxe xunto a Martín Barreiro, embaixador da campaña Lugo Cambia, e dos Alcaldes dos principais Concellos da provincia polo seu número de habitantes: Lugo (Lara Méndez), Viveiro (María Loureiro) e Monforte de Lemos (José Tomé Roca). Tamén estivo na presentación, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.
Estes novos spots, que se atopan en www.deputacionlugo.gal, nun apartado específico sobre turismo, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer os recursos patrimoniais, naturais, culturais ou gastronómicos que se poden atopar nos 67 Concellos co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes. En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que son as zonas inmediatas de captación de turistas.
Campos Conde subliñou que “hai un ano, iniciabamos en FITUR a campaña Lugo Cambia coa presentación, na que é a feira turística de referencia no país, dos primeiros 5 traballos audiovisuais sobre os recursos turísticos dos nosos 67 Concellos, nunha clara aposta pola promoción do conxunto da nosa provincia como un destino turístico único no país. Hoxe damos a coñecer novas iniciativas de reforzo da nosa campaña de promoción da provincia, sendo unha pequena mostra do que temos preparado para este 2018, cuxo obxectivo é conseguir que máis xente nos visite e experimente os sentimentos que produce unha viaxe a Lugo, que te cambian para sempre. E facémolo coa colaboración dun coñecido lucense que presume da beleza da súa provincia, como é Martín Barreiro, embaixador de Lugo Cambia”.
Martín Barreiro explicou que “dende o primeiro momento no que me propuxeron participar neste marabilloso proxecto sentinme honrado e ilusionado. Pero non me imaxinaba naquel momento o verdadeiramente intenso da aventura. A viaxe pola provincia de Lugo, deseguido se transformou nunha viaxe polos sentimentos. Unha viaxe polos recordos, e para gran sorpresa para min, unha viaxe chea de descubrimentos. Percorrendo os mesmos lugares que de neno visitei, onde xoguei, onde crecín… descubrín ademais de recordos, lugares descoñecidos, novas caras, novas formas, novas sensacións… Os meus compañeiros de viaxe e de rodaxe, seguro que volo poden confirmar, alá onde fixemos un alto no camiño, tratáronnos como da familia. Comemos como na casa, porque xa sabedes, para comer Lugo. Porque que non vos caiba nin a máis mínima dúbida, Lugo ten verdadeiras marabillas, pero o mellor de Lugo son os lucenses”.
O Presidente destacou que “Lugo é unha provincia única que cambia de recuncho a recuncho e que parece acoller varios mundos, pois nela podemos gozar de máis de 100 quilómetros de costa, con praias catalogadas como xoias mundiais, ou 800 quilómetros de rutas de peregrinación; Lugo posúe o maior espazo natural de Galicia: Os Ancares e O Courel. O 50% do seu territorio está recoñecido pola UNESCO como Reserva da Biosfera; son Patrimonio da Humanidade a Muralla de Lugo, as Catedrais de Lugo e Mondoñedo, e os Camiños Norte e Primitivo; conservamos unha das maiores concentracións de románico de toda Europa, que se estende pola idílica Ribeira Sacra”.
O Presidente da Deputación engadiu que “queremos compartir con todo o mundo o noso inmenso patrimonio cultural, gastronómico, natural, histórico… Queremos aproveitar este escenario idóneo, para convidar as persoas de todos os países que se reúnen en FITUR, a que nos veñan a coñecer. Porque algún día atoparán un lugar que os cambiará para sempre… e ese lugar non é outro que Lugo. Porque LUGO CAMBIA”.
O turismo como motor económico da provincia
A presentación deste novo material audiovisual é un paso máis no traballo do Goberno da Deputación para promover o conxunto do territorio lugués e facer do turismo un motor económico da provincia capaz de xerar emprego e riqueza. Neste senso, a campaña Lugo Cambia enmárcase no primeiro Plan Estratéxico de Turismo, totalmente participativo que elaborou o Executivo. O Presidente explicou que no 2018, o Goberno da Deputación intensificará a campaña Lugo Cambia e reforzará a súa colaboración co sector turístico, desenvolvendo máis e novas iniciativas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo.
FITUR é a feira turística de referencia do país, pois na pasada edición reuniu a preto de 245.000 persoas de 165 países entre profesionais, xornalistas e público en xeral, polo que se aproveitará a repercusión da cita para facer público os spots que están dispoñible en diferentes idiomas: castelán, galego, inglés, alemán, francés, italiano e portugués. Xa se poden ver en www.deputacionlugo.gal.
Durante a celebración de FITUR, a provincia de Lugo contará cun stand no pavillón de Turgalicia (pavillón 9) a través do que que haberá contacto directo con turoperadores, representantes do sector turístico e medios de comunicación, co obxectivo de transmitir os atractivos da provincia lucense.























Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.
Presidenta e xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acudiron ao Teatro a escoitar a Pepe Conde, quen fora xefe do servizo de cirurxía do HULA e persoa moi vinculada a esta vila por motivos familiares. Co seu pregón arrincaron varios días festexos que rematarán o vindeiro martes, día da patroa. Cruzado e Pérez departiron cos responsables da comisión das festas minutos antes do inicio do pregón.
No acto tamén estivo o presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades. López destacou a importancia do certame e entregou os trofeos. A Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, é un referente provincial pola súa labor de formación, investigación e apoio á recría de Rubia Galega en colaboración coa USC e ACRUGA.
A sesión incluirá a proxección da peza, de 27 minutos de duración, e un coloquio con Ugía Pedreira sobre música, saúde e outros temas. A obra forma parte da selección oficial do Barcelona Indie Filmmakers Festival (BARCIF) 2025 e a actividade está promovida por A Pomba do Arco.
O evento comezou cunha misa na igrexa parroquial de Santa María de Meira e a continuación, tivo lugar o tradicional xantar no Pavillón dos Deportes e o recoñecemento ao home e á muller de maior idade do municipio. Nesta xornada de convivencia, Fernández Méndez puxo en valor a contribución das persoas maiores á sociedade e enxalzou o seu papel activo no municipio, “é unha satisfacción compartir este día coas nosas persoas maiores, que tanto teñen achegado á sociedade e que merecen espazos de encontro e celebración como este”.
Será desde as 11 horas. Trátase dun reto por parellas no que enxeño, concentración e traballo en equipo serán claves para completar o puzzle no menor tempo posible. Agárdase a participación duns 40 equipos e haberá premios para os tres mellores tempos e un recoñecemento ao mellor tempo local. O Concello de Cervo anima a apoiar
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



