Mondoñedo, 28 de xaneiro de 2018.- O Concello de Mondoñedo pon a disposición dos veciños e empresas o centro comarcal como espazo de traballo. Para elo, e co fin de favorecer o seu desenvolvemento, xa dotou estas instalacións, situadas na rúa Xulio Pardo, 13, de acceso a Internet coa instalación de fibra óptica; o que permitirá aos usuarios navegar cunha velocidade simétria de 100 megas, unha vez conectados á conexión wifi.
Deste xeito, a través desta iniciativa do Goberno local, o centro non só será unha lugar de taballo, senón que poderá adquirir as características dun viveiro de empresas e de espazos cooworking.
Tal e como subliña a alcaldesa, Elena Candia, “creo quedamos un primeiro paso importante para potenciar as empresas que temos. Este centro, como os veciños saben, xa é un inmoble vivo, pero este novo proxecto dálle, sen lugar a dúbidas, un impulso relevante”.
Para poñelo en marcha, dende a alcaldía, xa solicitaron reunións coa empresa Adamo, especializada en facer chegar este servizo a todos os municipios de Cantabria, e que está a levar a cabo acordos para instalar a banda longa en varios municipios da Mariña.
“Estamos plenamente convencidos de que este proxecto será moi ben acollido polos autónomos e empresarios locais. O seu obxectivo non é outro que axudar ás PEMES e converter o noso Concello nun lugar atractivo para futuros inversores”, conclúe a titular municipal.
Estudo de axudas
A este respecto, Elena Candia, adianta que dende o Concello tamén se están a estudar as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda longa ultrarrápida en entidades singulares de poboación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Dito documento, foi publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 15 de xaneiro de 2018.
Esta última iniciativa, explica a rexedora, resposta ás peticións formuladas no encontro de Participación Cidadá, desenvolvido recentemente na localidade mariñana.