Ribadeo, 26 de xaneiro de 2018. O Partido Popular no Concello de Ribadeo denuncia que a mala situación na que se atopa a rúa Benito Prieto é un exemplo máis do abandono da vila polo equipo de goberno municipal. O portavoz do PP, Jesús López Penabad, critica que nun estado parecido están tamén outras zonas, como o entorno do colexio Sagrado Corazón.
O voceiro popular dixo hoxe que “o caso da rúa Benito Prieto é outro exemplo máis do que levamos denunciando durante moito tempo: o abandono que sofre Ribadeo en xeral. Neste caso facemos esta mención tras unhas declaracións que fixo onte unha veciña denunciando un estado lamentable dunha rúa que non é moi céntrica pero que está torcendo a esquina de Rafael Fernández Cardoso. Parécenos lamentable, e totalmente criticable, como fixo esta señora, porque a situación é de auténtico abandono. Esa rúa non dá a impresión de estar nese Ribadeo que nos queren vender, tan bonito e tan turístico, pero a realidade é que das unha volta un pouco por detrás dun edificio e atopas cousas así”.
Jesús López Penabad asegura que “non é só ese caso da rúa Benito Prieto, que eu creo que é o máis grave agora mesmo porque alí hai varias vivendas unifamiliares e algún edificio. Poden dicir que está a rúa sen rematar pero eu creo que eses veciños teñen dereito, porque pagan impostos como todos os ribadenses, a ter uns accesos dignos para as súas casas e non nestas condicións, en pleno inverno, totalmente deplorables”.
O portavoz do PP ribadense engade que “tamén, por exemplo, no entorno do colexio Sagrado Corazón a rúa Carlos III e a outra que pasa por detrás están nunha situación lamentable. Non son rúas principais, pero é sintomático do que pasa en Ribadeo, que o único que se atende algo é o que está no centro, pero se te vas un pouco para os lados ese abandono é total, polo deixamento do equipo de goberno”.
López Penabad manifestou ademais que “están falando de facer grandes obras, que nos parecen ben, como na rúa San Roque ou na Avenida Ría de Ribadeo, pero esquécense do que realmente é máis necesario. Non dicimos que esas obras non haxa que facelas pero haberá que atender primeiro as demandas e as necesidades máis urxentes que ten Ribadeo. E non nos referimos só ás rúas que se atopan nun estado lamentable senón tamén aos saneamentos e á traída de auga, algo que tampouco se atende por parte do goberno municipal”.
Por todo isto o portavoz do PP considera que o equipo de goberno local “o único ao que se dedica é a queixarse e a botar a culpa de todo aos demais, pero temos un Ribadeo, como se pode observar e como denuncian os veciños, nun estado de abandono en moitas zonas”.