Foz, 9 de febreiro de 2018. O día grande do Entroido de Foz celebrase este sábado, co desfile, que comezará ás cinco da tarde e no que se reparten máis de 7.000 euros en premios; e o baile que terá lugar na Sala Bahía a partir das once e media da noite e estará amenizado por dúas das mellores orquestras de Galicia: Gran Parada e Jerusalén.
O domingo, día 11, é o Día Infantil e haberá baile para os nenos e nenas desde as cinco da tarde na Sala Bahía co Show de los Minions, inchables e obradoiros infantís. Ese día tamén se celebrará o Touporroutou, organizado pola asociación cultural A Pomba do Arco. Será ás 21:00 horas no salón de actos do colexio Martínez Otero.
As actividades do Entroido focense continuarán o luns 12 co Baile do Farolillo desde as once da noite na Sala Bahía amenizado por Grupo Fénix e Disco Móvil Moraima.
O martes 13 a partir das cinco da tarde haberá outro baile infantil na Sala Bahía, neste caso organizado pola asociación de amas de casa Virxe do Carme, de Foz. Estará amenizado por Decibelio Eventos e haberá inchables.
E os actos rematarán o venres 16 coa Queima do Entroido. A comitiva fúnebre sairá ás dez da noite desde o Campo da Cabana e rematará no peirao focense, onde haberá un ágape para os asistentes.