Dous bandos municipais regulan a limpeza de fincas urbanas e a correcta xestión do lixo durante a época estival
Burela, 30 de xuño de 2025. Co obxectivo de garantir a salubridade, a seguridade e o bo estado do espazo público durante a tempada estival, o Concello de Burela vén de emitir dous bandos nos que se lembran as obrigas legais e se fan recomendacións á veciñanza e ás persoas visitantes sobre a correcta xestión dos residuos e o mantemento de parcelas no termo municipal.
Durante o verán, o incremento de visitantes tradúcese tamén nun maior volume de lixo nas rúas, o que, unido ás altas temperaturas, pode xerar cheiros desagradables e problemas de hixiene. Neste contexto, o Concello fai un chamamento ao civismo e á responsabilidade individual para manter a vila limpa, respectando as normas vixentes e aplicando prácticas adecuadas no día a día.
Mantemento e limpeza obrigatoria das parcelas urbanas e urbanizables
Un dos bandos emitidos céntrase na regulación da limpeza e conservación das parcelas de solo urbano ou urbanizable. A alcaldesa lembra que as persoas propietarias destes terreos están obrigadas a mantelos libres de residuos, en condicións axeitadas de salubridade, hixiene, accesibilidade e ornato público. Isto implica realizar labores de limpeza e rozado da vexetación, evitando que a maleza invada a vía pública ou que poida supoñer un risco de incendio, inundación ou outros danos.
Así mesmo, deben retirarse determinadas especies arbóreas sinaladas pola lexislación autonómica como perigosas para a prevención de incendios forestais, entre as que se atopan o eucalipto, diversas variedades de piñeiro, acacias, toxos ou silvas. Antes de levar a cabo calquera actuación deste tipo, é preciso presentar unha comunicación previa no Concello e en casos de terreos suxeitos a réximes especiais de protección será necesaria tamén a obtención de autorizacións específicas das administracións competentes.
No caso de non cumprir con estas obrigas, o Concello poderá iniciar procedementos administrativos que inclúan a emisión de ordes de execución ou a imposición de multas coercitivas, e mesmo executar de forma subsidiaria os traballos, a conta da persoa propietaria. Ademais, poderán aplicarse sancións económicas que oscilan entre os 300 e os 6.000 euros, dependendo da gravidade da infracción.
Normas de vertido de lixo e uso correcto dos contedores
O segundo bando céntrase na regulación dos vertidos de lixo e na correcta utilización dos contedores e do punto limpo municipal, destacando a importancia de seguir boas prácticas na xestión dos residuos para evitar o deterioro da imaxe da vila e contribuír ao benestar común. Lémbrase que está totalmente prohibido deixar lixo fóra dos contedores, abandonalo na vía pública ou empregar as papeleiras para residuos voluminosos.
As bolsas deben estar sempre pechadas e depositadas no interior dos contedores específicos para cada tipo de residuo e no caso da hostalería, recoméndase que as bolsas sexan dobres, para evitar a rotura e a dispersión dos refugallos. Está expresamente desaconsellado tirar lixo directamente sen bolsa, así como deixalo no chan, xa que isto facilita que as gaviotas e outros animais espallen os residuos.
Indícase tamén que o horario permitido para sacar o lixo doméstico é entre as oito da tarde e a medianoite. Tendo en conta que os sábados non hai servizo de recollida, xa que a planta permanece pechada, pídese expresamente á cidadanía que non saque o lixo ese día, senón o domingo pola noite, garantindo así unha mellor xestión e evitando situacións de insalubridade.
Os residuos de gran volume, como mobles ou electrodomésticos, non deben deixarse nos contedores e deben ser trasladados ou notificados ao punto limpo, mediante o teléfono habilitado para tal fin. O punto limpo ten un horario de apertura de luns a venres pola tarde e os sábados pola mañá; ademais, existe un punto limpo móbil que opera en distintas localizacións da vila segundo calendario mensual.
Lémbrase que o incumprimento das normas relativas á xestión de residuos pode derivar en sancións de entre 100 e 3.000 euros, segundo a gravidade da infracción. Por outra banda, anímase á cidadanía a colaborar denunciando comportamentos incívicos ou vertidos ilegais. As denuncias poden realizarse de forma presencial ou por escrito, e deben incluír os datos necesarios para que os servizos municipais poidan realizar as comprobacións pertinentes.
O Concello tamén lembra que os propietarios de animais son os responsables directos da suciedade ocasionada polas mascotas na vía pública. En caso de que un animal defeque na rúa, a persoa que o conduza debe recoller e limpar a zona afectada, empregando bolsas que debe levar consigo de forma obrigatoria. A inobservancia destas obrigas pode derivar tamén en sancións e actuacións por parte da autoridade municipal.
Como medida adicional, o Concello reforzará durante os meses de verán a capacidade dos contedores situados nas zonas con maior acumulación de lixo, para evitar desbordamentos e malos cheiros.
Dende o Concello insisten na importancia do civismo e do respecto ao espazo común como base dunha convivencia responsable, sendo clave para manter Burela limpa, segura e acolledora para veciños e visitantes.



























A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.


