Foz, 27 de marzo de 2018. O Concello de Foz comunica que a empresa Construcciones Sanjurjo acaba de renunciar a executar a obras de reforma da avenida Álvaro Cunqueiro. Polo tanto este proxecto será realizado pola seguinte empresa elixida no concurso, que é a UTE Ogmios Ramsei, a mesma que fixo a obra na avenida da Mariña. Ademais a súa oferta foi a mellor puntuada tecnicamente no concurso.
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou: “onte recibimos a renuncia da empresa Construcciones Sanjurjo á adxudicación da obra de Álvaro Cunqueiro. E o Concello o que está facendo é xa inmediatamente seguir co proceso. Notificámosllo no día de hoxe á seguinte empresa, que é a UTE entre Ogmios Ramsei, para inmediatamente tratar de seguir coa documentación. Teñen dez días, tal e como se lle ofreceu tamén á anterior empresa, para presentar a documentación”.
Javier Castiñeira declara que “as previsións que ten o Concello seguen sendo practicamente as mesmas, dar comezo ás obras no mes de abril. Temos a idea de que a mediados dese mes poidamos xa ter unha reunión cos veciños. Estamos contratando a dirección facultativa, delegada ou responsable de seguridade e saúde, tamén en paralelo”.
O rexedor lembra que “esta empresa foi a mesma que executou a avenida da Mariña. A verdade é que quedamos contentos todos: os veciños, os comerciantes e en xeral todo o mundo de como se executou. Entendo que é unha empresa que vai facilitar moito a execución de Álvaro Cunqueiro porque coñece perfectamente a problemática que pode haber, sobre todo no verán, que é cando máis complicado pode estar o tráfico. É ademais a mellor empresa puntuada na oferta técnica pero era a terceira na económica. Polo tanto só se perderon tres días e hai que agradecer á empresa Sanjurjo a súa axilidade á hora da renuncia, posto que podía retrasar moitísimo esta situación. En todo caso esperamos con optimismo que esta empresa si sexa a que definitivamente sexa a adxudicataria”.