Foz, mércores 21 de marzo de 2018. O BNG AA de Foz defenderá no pleno ordinario do mes de marzo, que se vai celebrar o xoves 22, unha moción na cal solicita ao goberno municipal que elimine os vertedoiros incontrolados localizados en San Martiño, no Pico da Lebre, en Cangas, en Fazouro, en Marzán e no casco urbano. Do mesmo xeito solicita que se cumpla a Ordenanza municipal de limpeza urbana e que se apliquen as sancións correspondentes e que se atendan as demandas dos veciños que presentan reclamacións que non son atendidas.
A conservación do medio ambiente é motivo de preocupación crecente por parte dos cidadáns, que cada vez están máis concienciados coa necesidade de conservación e que esixen novas respostas políticas para solucionar os problemas ambientais do día a día.
Por outra banda, debemos ter en conta que o entorno é un valor en alza en termos turísticos, xa que as vilas cun entorno ben conservado e que mostren unha preocupación pola natureza son máis atractivas para os visitantes, que cada vez buscan máis calidade nos destinos que escollen para pasar as súas vacacións.
En Foz estes valores parecen terse olvidado e proliferan os vertedoiros incontrolados, nos que mesmo se poden ver restos informáticos, e as fincas extremadamente descoidadas. Exemplos varios como na parroquia de San Martiño, a 700 metros da Basílica, no mirador do Pico da Lebre, por onde pasa unha ruta de sendeirismo, no prado de Ramos, en Vilaxoane, na Ponte de Vilachá en Cangas, en Marzán ou mesmo no casco urbán, entre outros, demostran a deixadez dun sector da poboación e, o que é peor, do goberno municipal.