Mondoñedo, 27 de marzo de 2018.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo está a tramitar un expediente de depuración de saldos co obxectivo de poder aplicar o superávit. Na actualidade o Concello de Mondoñedo conta cun superávit en termos de estabilidade de 262.855,11 euros. Con este ‘expediente de depuración de saldos cerrados’ depúranse tanto pagamentos pendentes de aplicación como cobros.
Desde o Goberno local, que preside a popular Elena Candia, precisan que recibiron unha contabilidade que en absoluto se axustaba á situación real do Concello. É especialmente rechamante cando o Goberno anterior reafirmou en numerosas ocasións que tiña unha contabilidade ordenada cando non estaban depurados os saldos, polo que a situación que describían non era para nada real, senón unha “verdadeira chapuza”.
Tanto é así que o anterior goberno deixou unha partida de pagamentos pendentes de aplicación de máis de 2,1 millóns de euros, unha situación que se orixina especialmente no ano 2010, que finalizaron cunha contabilidade pechada de 99.000 euros a 1,9 millóns de euros no ano 2011.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, explica que os servizos xurídicos e económicos do Concello levan traballando meses para depurar esta situación, un traballo que lles agradece.