Burela, 3 de marzo de 2018. A Concellería de Turismo fai un balance positivo da pasada Semana Santa. A ocupación hostaleira roldou o 100%, segundo os datos que manexa o Concello, as rutas xeolóxicas funcionaron moi ben e o barco museo Reina del Carmen recibiu 200 visitas.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, dixo que “desde o Concello de Burela e a Delegación de Turismo queremos facer unha valoración positiva do que foron estes catro días de Semana Santa en canto á ocupación hostaleira e á ocupación turística en Burela”.
O edil sinalou que “a ocupación hostaleira, falamos con distintos establecementos, roldou o 100%. Si que é verdade que houbo algunha cancelación de última hora debido ao mal tempo que sufrimos durante estes días, pero en liñas xerais os hostaleiros están satisfeitos coa ocupación que tiveron durante esta Semana Santa”.
Ramiro Fernández manifestou: “con respecto aos recursos turísticos que temos no concello, temos que dicir que as rutas xeolóxicas seguen funcionando á perfección e tivemos un 100% de ocupación nas dúas rutas xeolóxicas que fixemos, o que demostra que temos que seguir traballando nesa liña e seguir potenciándoas porque son un recurso turístico importante”.
O concelleiro burelés tamén valorou de xeito positivo “as visitas que tivemos no barco museo Reina del Carmen, que roldaron as duascentas. Son números máis ou menos parellos aos do ano pasado”. E engadiu: “tendo en conta a climatoloxía que tivemos estes días, que non nos axudou para nada, o Concello de Burela e eu, como concelleiro de Turismo, queremos facer unha valoración positiva desta Semana Santa”.
