Burela, 3 de abril de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, cualificou de boa noticia a aprobación do Plan Único no pleno celebrado onte. O orzamento ascende a 374.000 euros, dos que 209.000 irán destinados a investimentos reais. Na sesión tamén quedou aprobado o presuposto municipal para este 2018, que entrará en vigor unha vez que sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia.
O rexedor contou que “un dos asuntos importantes que abordamos no pleno de onte foi a aprobación do Plan Único, que está presupostado agora mesmo en 374.000 euros, coa achega da Deputación máis a do propio Concello, para facer investimentos reais por valor duns 209.000 euros. Van ser obras que consideramos importantes e boas para o conxunto da poboación, que melloran substancialmente e de forma notoria a calidade de vida dos nosos veciños, tanto en infraestruturas deportivas como en rúas, beirarrúas, xardíns e parques públicos”. E engadiu: “tamén imos mellorar aspectos como o emprego, pois vamos contratar a nove persoas con este Plan Único durante nove meses aproximadamente. Son diferentes profesionais que se necesitan no noso Concello. Tamén ampliamos a partida para Deportes, para Turismo e para Cultura, sen esquecernos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que tamén vai estar perfectamente atendido con este Plan Único”.
Para Alfredo Llano “esta é unha boa noticia, que esperemos que dea o seu resultado, que se note, pois realmente estamos traballando pensando sempre na mellora do noso concello para que sexa atractivo para vivir nel e tratar de que veñan oportunidades laborais, turísticas ou sociais”.
O rexedor contou que “tamén aprobamos un punto que é importante para o noso concello, pois había unha alegación aos orzamentos, que se desestimou e por tanto agora xa estamos en condicións para que os orzamentos sexan aprobados de maneira definitiva. Xa se envían hoxe mesmo para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e esperemos que esta semana xa saia publicado e así xa son de aplicación”.