
A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, manterá unha reunión co alcalde de Ribadeo, Fernando Súarez Barcia, e o xefe do Servizo provincial de Costas en Lugo, José Miguel Esteban, para informalos do recente encargo da Xunta para encargar un estudo técnico complementario do Monumento Natural da Praia das Catedrais.
O rexedor manifestou: “primeiro dicir que entendemos que non debe haber persoa ou institución que non estea consternada pola morte accidental desta rapaza hai dous días. Entendemos que debemos apelar á prudencia sobre as investigacións sobre este fatal desenlace polas autoridades que as están a levar a cabo, isto é, a Garda Civil, o Xulgado, a Xunta de Galicia. Queremos e desexamos que esta desgraza sirva para repensar os sistemas de información e de seguridade que ten este areal, toda medida preventiva é pouca e sempre se pode mellorar. Porque aínda que a súa composición xeolóxica é similar a outros moitos cantís, non xa de toda Galicia, senón de todo o Cantábrico, o certo é que aquí acode moita xente durante todo o ano”.
Para o alcalde ribadense “este tipo de desgraza pode ocorrer en calquera outro punto da nosa costa, pero a masiva afluencia de visitantes da praia de As Catedrais obriga a ser máis cautelosos con este lugar”.
Suárez Barcia dixo: “debemos lembrar que este entorno está cualificado como Monumento Natural, xa que non é nin sequera unha praia convencional, senón un areal que queda descuberto nos períodos de baixamar, polo que a súa dinámica é moi variable ao longo de todo o ano”.
E subliñou que “desde o Concello de Ribadeo aplicamos as competencias que as leis nos dan, como son as de información turística, limpeza do entorno e salvamento (de aí que como todos os Concellos do litoral de todo o Estado preocupámonos de dotar de socorristas ás nosas praias na temporada estival, mesmo os últimos anos vímonos na obriga de deixar ser servizo praias tan relevantes como Esteiro e Os Bloques por dispoñer do persoal necesario en As Catedrais ante a falta de suficientes socorristas; pedimos as autorizacións necesarias a Costas do Estado para poder poñer alí unha caseta informativa, etc)”.
O rexedor seguiu a relatar: “pero neste caso específico das Catedrais e da súa consideración de Monumento Natural e de Espazo Protexido da Rede Natura 2000, a conservación, xestión e planificación é unha competencia exclusiva do organismo autonómico competente en materia de Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Aspecto que igualmente queda patente co Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia e no Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais. (Este Plan de Conservación aprobado no Decreto autonómico 80/2015, onde no seu art. 16 dispón que a Xunta será responsable do acceso á praia nos períodos que se establecen limitacións, que precisamente tamén determina a Xunta, sendo a autoridade que por decreto ten conferidas e/ou asumidas, por riba do resto de outras administracións, a autorización e denegación de accesos. En canto ás outras normativas que así o indican son as Directivas Comunitarias 92/43/CEE, Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, así como a Lei 9/2001 de Conservación da natureza onde no seu art. 41 di que a xestión dos espazos incluídos na Rede Galega de Espazos Naturais protexidos será responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente)”.
Fernando Suárez dixo esta tarde: “por tanto, se as normas vixentes indican que ten a xestión, esta é unha xestión global do espazo desde o momento que se regulan os accesos ao areal, o número máximo de persoas que poden entrar nel e os períodos, porque tamén se ten que regular en función da seguridade das persoas. Por todo isto, non ten sentido algún que un organismo regule estes fluxos de entrada e pretenda que outro organismo que non ten competencias nin para acceder discrecionalmente cando queira poida garantir a seguridade desas persoas que entran nos cantís. Máis cando un Concello de menos de 20.000 habitantes non está obrigado a dispoñer dun Plan de Emerxencias”.
O alcalde comprometeuse a colaborar: “que non caiba dúbida algunha que o Concello de Ribadeo colaborou e seguirá a colaborar para promover, dentro das súas competencias, unha xestión racional do patrimonio natural e cultural, (como así o fai ano tras ano co salvamento e socorrismo na época estival, como así o fai nestes momentos na tramitación e impulso do Plan Especial das Catedrais para a ordenación do entorno adxacente ao Monumento Natural) pero en ningún caso é competente para asumir obrigas que por lei, recaen no organismo autonómico competente en materia de Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Nós, nin encargamos, nin tivemos nestes anos acceso a eses estudos xeolóxicos dos que se fala da perigosidade do entorno. Pero mais aló de todo isto, nós, si que queremos aportar, axudar e colaborar na mellora da xestión deste areal”.
Sobre a xuntanza celebrada hoxe en Santiago contou que “a Xunta de Galicia, acábanos de esbozar propostas para aplicar de xeito inminente a respecto da mellora de información e protección dos visitantes. Indicáronnos a intención de solicitar un informe xeotécnico a especialistas na materia, e, entrementres, adoptar unha serie de medidas encamiñadas a garantir ou minimizar os riscos de visitar este Monumento Natural. Medidas que se han concretar pola Xunta nos vindeiros días, e que xa avanzamos que nos parecen positivas porque o que queremos desde o Concello é que este entorno siga a ser visitable, pero por riba disto, siga sendo seguro. Colaboraremos en todo o que a Xunta nos requira, como non podía ser doutro xeito, sempre dentro das nosas competencias”.
Fernando Suárez Barcia rematou a súa intervención sinalando: “finalmente, desde o Concello, queremos rematar esta nota como se principiou, con absoluto respecto e o mais sentido pésame pola tráxica fatalidade que acabou coa vida dunha rapaza na súa visita a este Monumento Natural e que isto poida servir para que todas as Administracións (Xunta de Galicia, Ministerio de Medio Ambiente e Concello) poidamos traballar coordinadas para mellorar no futuro inmediato os servizos, a imaxe, a información, a seguridade deste Monumento Natural. Polo tanto, dende o Concello de Ribadeo queremos fuxir de calquera tipo de polémica e prestarnos dende xa a traballar unidos na busca da adecuada xestión do areal de As Catedrais, co fin de que se converta nun lugar que permita gozar dun espazo natural único e seguro para os seus visitantes”.