Barreiros 10-5-18. Representantes de establecementos do sector hosteleiro do concello barreirense veñen de reunirse recentemente coa finalidade de poñer en marcha unha asociación que integre establecementos como son os hoteis ou pensións-residencias, cámpings, casas de turismo rural, restaurantes, bares e apartamentos turísticos, localizados no termo municipal de Barreiros.
Esta iniciativa nace coa finalidade de mellorar o desenvolvemento turístico deste municipio da Mariña Lucense, e procurar a entre outras, a desestacionalización da demanda. A procura de captación de turistas en orixe, mellora da promoción e dos recursos existentes, visibilización de alternativas na oferta, realización de eventos ou atracción de visitantes, son algunhas das cuestións xa abordadas nas reunións realizadas ata o momento, e ás que a entender das persoas participantes, cómpre dar resposta. Do mesmo xeito, enténdese tamén que a colaboración interna será positiva para o sector.
Coa finalidade de avanzar cara a un colectivo formalmente constituído, as persoas promotoras desta iniciativa convidan a aquelas que poidan estar interesadas e que rexenten un dos establecementos turísticos do tipo dos anteriormente citados, a unha reunión que terá lugar o vindeiro luns, 14 de maio ás 17:00h. no Centro Sociocultural de Barreiros. Do mesmo xeito, calquera consulta previa pode ser dirixida ao enderezo hosteleriadebarreiros@gmail.com, creado como canle de contacto deste novo colectivo. Infórmase tamén que este novo colectivo conta xa con perfís nas redes sociais de Facebook e Instagram baixo o nome “Hostelería de Barreiros”.