Se existe un título senlleiro no val das Anas Louras, ese é Contos do Valadouro; unha recolleita de lendas, mitos e crenzas populares que até o momento, supón a máis completa enciclopedia etnográfica da tradición oral valeca.
A devandita obra presentábase na vila de Ferreira o 6 de setembro de 1998, no Pub Atalaia, con grande éxito e nutridas fileiras de lectores á espera dun exemplar asinado polos tres coautores.
Xesús Pisón, Isaac Ferreira e Manuel Lourenzo realizaran unha minuciosa e metódica recolleita de narracións por todas as parroquias da comarca do Valadouro. A angueira prolongárase durante anos, quizais décadas, e o que comezara coma un estudo de campo, acabaría por se converter nunha obra literaria de referencia para a sociedade valadouresa.
Aquel libro de 130 páxinas, ilustrado por Xesús Pisón e editado polo desaparecido selo A Nosa Terra, suporía o arquivamento dun patrimonio que, irremediabelmente, se esvaía coa desaparición das derradeiras xeracións que acreditaron nun tempo remoto en que os animais falaban.
Xesús, Isaac e Manolo son os artífices dunha obra que atesoura, amais de contos, anos de camiños tripados, innúmeros fogares visitados e astutas sondaxes a unha veciñanza que en moitas ocasións, avivecía con pudor a memoria da oralidade.
O éxito do libro resultará rotundo e en xaneiro de 1999 verá a luz a segunda edición, a última comercializada pola editora viguesa, pois en outubro de 2005 será Ediciós do Castro quen reedite a obra.
A dedicación incansábel dos tres investigadores fará que o corpus primixenio teña experimentado nesa altura un notábel crecemento, polo que aquela nova edición, corrixida e aumentada, vai incluír 306 relatos, cento vinte máis ca nas dúas edicións anteriores.
Tres edicións polo tanto, completaron –por agora- a traxectoria desta compilación de tesouros orais.
As tres Anas de cabelos dourados, a Zarrulada, os Pagaíños, unhas bruxas de a cabalo de vasoiras de xibarda e centos de encantos e seres míticos, todos con morada no subconsciente valeco, poboan as páxinas dunha obra que se erixiu en semente creativa, pois dela obtivo inspiración o artista plástico Xosé Blanco, quen é autor do álbum Gravuras de Contos do Valadouro, obra publicada por Ediciós do Castro no ano 2000 e presentada na Finca Galea un ano despois, nunha xélida noite de decembro á calor dunha chocolatada.
Unha mostra das ilustracións incluídas nesta obra, foi presentada no castelo do Castrodouro na primavera de 2005, nun completo evento onde as creacións de Xosé Blanco propiciaron novas disertacións dos tres compiladores. Tal exposición púidose contemplar durante varios veraos nos muros da torre alfocesa.
Contos do Valadouro outorgoulle ao val dos infindos mitos un mapa máxico deseñado por Isaac e Manuel, a conciencia dunha identidade cultural homoxénea por riba de divisións artificiais, e mesmo a restauración de ducias de topónimos que deixaran de ser invocados. Incluso, favoreceu o rexurdimento dalgún lugar que habita unicamente na memoria liminar do pobo, tal é o críptico Rego Bailouro.
O “Libro dos Contos” exerceu un influxo proverbial na sociedade valeca, incidiu considerabelmente na liña pedagóxica dos centros escolares locais (o célebre título vén supondo un manual de cabeceira nas aulas valecas) e potenciou o sentimento de pertenza a unha comunidade; do mesmo xeito, puxou en prol do orgullo de compartirmos un pasado e unha cultura que non sempre reivindicáramos con firmeza. Boa proba de todo isto é que dous decenios despois, o público lector aínda trata de adquirir exemplares nas librarías do val.
En conclusión, o “Libro dos Contos” operou como título fundacional da literatura do Valadouro.
Vinte anos despois, somos moitísimos os lectores (valecos e non valecos) que continuamos a nos aventurar por unhas páxinas xa lidas e relidas, descubrindo no entanto, presenzas inesperadas: un trasno con fasquía de xato, algún demachiño laúdo, aquela misteriosa luz chamada A Mosa… e en definitiva, centos de arrepíos que onte foron superstición e hoxe supoñen imperecedoiro patrimonio cultural.
Lionel Rexes




















A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo destacaron que esta iniciativa busca dinamizar os domingos de feira e dar visibilidade ao traballo artesán. As inscricións poden realizarse ata o 26 de abril, cubrindo o formulario dispoñible en vilalba.gal/novas e enviándoo a feiras@vilalba.es xunto coa documentación requirida. Para consultas, está dispoñible o teléfono 982 51 03 05.
A representación desenvolverase na praza do mosteiro, na igrexa e nos espazos exteriores habituais para escenas como o xuízo ante Pilatos, o horto e a crucifixión. Participarán a Garda Pretoriana de Lugo, a Percussio Praetoria e o grupo Galiclasic, nun evento recoñecido como Festa de Interese Turístico Rexional e no que colaboran arredor de cen persoas.
O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza a participar no novo Guateque de Arruguiñas, unha proposta pensada para fomentar o encontro interxeracional, a convivencia e o lecer compartido. O evento celebrarase este martes, 31 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa do Mar de San Cibrao. A xornada incluirá actuación musical, bingo e chocolate, actividades organizadas polo alumnado de 2º de Bacharelato en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil e a Asociación de Xubilados Terramar. O Concello anima a participar e desfrutar dunha tarde especial de convivencia e diversión.
O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).



