A Mariña, 25 de xuño 2018. O pasado 6 de xuño, o pleno do concello de Burela aprobou por unanimidade unha moción do grupo municipal do BNG na que se instaba á Deputación de Lugo, á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a cofinanciaren a construcción dun necesario novo pavillón de deportes, unha vez que o concello manifestara xa o seu compromiso de achegar os terreos necesarios e de facerse cargo do proxecto de construcción.
Para o BNG, a urxencia da construcción desta infraestructura está mais que xustificada pola intensa actividade deportiva que se desenvolve na vila burelá, sobre todo no pavillón de Vista Alegre que alberga numerosas competicións, moitas de especial relevancia como son aquelas de rango estatal nas que participa o CD Burela FS, na máxima categoría o equipo feminino, e o equipo masculino disputando fases de ascenso, coma a deste ano á división de honra, na que militou durante moitos anos, e todo esto sen esquecer as numerosas categorías inferiores existentes que precisan de espazos deportivos.
Unha infraestructura deportiva necesaria para Burela e para A Mariña
O deputado nacionalista Antonio Veiga fai fincapé tamén na necesidade desta instalación non só para Burela senón para toda a comarca de A Mariña, pois dáse tamén a circunstancia que debido á saturación das instalacións deportivas en Burela moitos equipos de Burela teñen que desprazarse outros concellos coma Foz ou Cervo para realizar os seus adestramentos semanais. Veiga destaca tamén a condición de referencia deportiva para a comarca e a provincia do concello de Burela, e do equipo CD Burela FS que levou este deporte, pero especialmente o feminino, á máxima categoría.
“Queremos que haxa un compromiso unánime e efectivo para o financiamento desta importante dotación que beneficiará ao conxunto de A Mariña. Non podemos permitir que o esforzo económico, deportivo e humano realizado pola sociedade burelá e mariñá en todos estes anos sexa ignorado polas institucións que teñen a sede alén do Fiouco e da Gañidoira” manifestou Antonio Veiga.
O BNG considera moi importante que o acordo unánime do pleno de Burela sexa ratificado tamén polo pleno da deputación, sobre todo para instar á Xunta de Galiza e ao organismo do Estado competente en materia de deportes a comprometérense tamén ao cofinanciamento desta infraestructura.