Mondoñedo, 25 de xuño de 2018.- O Concello de Mondoñedo e a Asociación de Comerciantes da localidade veñen de consensuar un plan de tráfico que se porá en marcha o día un de xullo en virtude do cal se establece a prohibición de estacionar nas rúas do casco histórico.
O Goberno local atende así o malestar e as queixas que ten trasladado a Asociación de Comerciantes polos continuos incumprimentos dos condutores, que estacionan incluso obstaculizando entradas a casas e negocios. O Concello habilitará aparcadoiros con tempo limitado para as xestións máis inmediatas. Está previsto que se mande un comunicado a todos os veciños e veciñas para informar destas medidas que se adoptarán a partir do día 1.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, explica que o Goberno vai continuar coa posta en marcha de alternativas para a regulación e ordenación do tráfico, polo que se compromete a habilitar de xeito inmediato, a través dunha intervención provisional, o aparcadoiro de Casas Novas. A rexedora estuda incluso a posibilidade de incluír un aparcadoiro máis para facilitar o tránsito no municipio e evitar a concentración de vehículos no casco histórico.
“O que se pretende, segundo abunda a rexedora, é manter a liña que iniciamos de poñer en valor o casco histórico de Mondoñedo sen prexudicar os intereses dos comerciantes”. “Queremos unha cidade viva na poidan convivir todos os intereses, polo que buscamos sempre as mellores solucións e de consenso”, precisa.
Trátase dunha proposta acordada entre o Concello e a Asociación de Comerciantes na que o Goberno local intentará sumar tamén á oposición. Así, a proposta enviarase tamén aos voceiros da oposición para que poidan facer as achegas que consideren.