Alfoz, 24 de xullo de 2018.- A Xunta de Galicia continúa comprometida coa mellora do potencial turístico de Alfoz e con este fin apoiará o financiamento de dúas actuacións neste municipio: a mellora do entorno e iluminación do Castelo de Castrodouro e, nun proxecto conxunto co Concello de Foz, a sinalización e acondicionamento da Ruta dos Castelos e do Miradoiro da Frouseira.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen avanzou que a axencia de Turismo de Galicia vén de conceder para ambas actuacións unha axuda de máis de 56.000 euros, que contribuirán ao financiamento destes traballos e permitirá a posta en valor destes espazos que mes tras mes reciben centos de visitantes.
Ilumniación do Castelo de Castrodouro
No que respecta á primeira das actuacións subvencionadas, ten por obxecto a mellora de accesos e embelecemento do entorno do Castelo de Castrodouro, a fortaleza de Pardo de Cela, declarada Ben de Interese Cultural. O proxecto inclúe a mellora, ampliación e substitución da actual iluminación ornamental ao redor deste espazo, así como a colocación de distintas sinais. As novas luminarias estarán emprazadas en nas paredes do castelo, nas fiestras, no cruceiro, no cilindro da torre e na igrexa.
Paneis de información turística
O proxecto tamén inclúe a instalación de paneis identificativos en todas as igrexas e capelas da vila e dun planímetro cultural que reflexe todos os recursos turísticos do concello. Está prevista a instalación en once emprazamentos: na igrexa de San Mamede de Oiras, na de Santa María do Pereiro, na capela de Santiago do Cerdeirido, na igrexa de San Vicente da Lagoa, na igrexa de San Pedro de Mor, na capela de San Caetano de Reirado, na igrexa de Santa María de Bacoi, na igrexa de San Sebastián de Carballido e na igrexa de San Salvador de Castro de Ouro, na igrexa de Santiago de Adelán e na Seara. Estes elementos contarán tamén con códigos QR que darán acceso á aplicación móbil turística sobre os Camiños de Alfoz.
Miradoiro da Frouxeira e ruta dos castelos
Pola súa banda, o segundo dos proxectos subvencionados que contarán coa axuda da Xunta está promovido xunto ao Concello de Foz xa que longo ambos municipios comparten nos seus respectivos ámbitos xeográficos unha ruta de sendeirismo que discorre a carón do río Ouro, desde O Castelo do Castrodouro ata o pé do alto da Frouseira, para culminar o percorrido na antiga fortaleza do mesmo nome.
Enténdese esta ruta como un importante recurso turístico da zona, así, na procura de mellorar a identificación do percorrido e de dar a coñecer e realzar todos os valores que ofrece, está previsto mellorar a súa sinalización durante os seus 12,6 km de percorrido, conforme ademais á sinaléctica oficial.
A achega tamén inclúe o financiamento preciso para a mellora do acceso actual ao Mirador da Frouseira xa que logo no momento actual é moi complicado e implica certos riscos. Está previsto instalar un conxunto escalamiradoiro con dous obxetivos, gozar dunha paisaxe inigualable e permitir contemplar dun xeito seguro, ordenado e respectuoso os restos existentes da fortaleza.
Balseiro conclúe que con estas e outras actuacións o Goberno Galego reafirma así o seu compromiso cos concellos, para poñer en valor as súas infraestruturas e recursos naturais, paisaxísticos e culturais.