O azucre está danando a súa saúde sen decatarse. Non é casualidade que as cifras de sobre-peso e obesidade en adultos e nenos sigan medrando en todo o mundo.
Sen darnos conta, a meirande parte dos alimentos e bebidas que consumimos conteñen azucres en cantidades excesivas. A industria engadiu azucre como ingrediente básico incluso nos alimentos salgados.
Cando un se afai e adquire un hábito sempre vai atopar unha xustificación para mantelo, xa sabe, “de algo hai que morrer” ou “un pouco de veneno non matou a ninguén”.
O exceso de glucosa tamén se agocha nas relacións persoais, na información, na Historia e na Lei.
Así, o día 1 de xullo cumpríronse 3 anos da entrada en vigor da reforma da Lei de Seguridade Cidadán –a denominada Lei Mordaza- ou da reforma do Código Penal, o mesmo ano, para a introdución da prisión permanente revisable.
Sería dun infantilismo radical obviar que estas reformas lexislativas leváronse a cabo co respaldo dunha parte moi importante da sociedade española que ve na coerción un medio eficaz para garantir os seus dereitos. O vello discurso do ben contra o mal, o medo e a lexitimación do uso da violencia para garantir a seguridade.
Se quitamos a cobertura de azucre que a lei leva enriba atopámonos con que en tres anos foron impostas 45.000 multas tan só por faltas de respecto á autoridade, no que Amnistía Internacional define como unha norma pouco garantista en materia de dereitos humanos, non acorde aos estándares internacionais e ás recomendacións que chegan dende a ONU e Europa.
O doce enpalaga, impregna e disfraza todos os sabores. O 18 de xullo deste ano tería lugar o centenario “do preso político máis famoso da historia”: Nelson Mandela. Recluído case trinta anos en prisión “Madiba” simbolizou a causa contra o réxime segregacionista.
Estudou dereito en Johannesburgo, onde tamén comezaría a súa carreira política afiliándose ao Congreso Nacional Africano, o partido que defendía as reivindicacións da poboación negra, logo fundaría Tambo, un dos primeiros bufetes de avogados negros para brindar asesoramento aos máis castigados da súa etnia.
A “Madiba” hoxe todos queren “baleiralo” e enchelo todiño de azucre pero, non se enganen, moitos dos que o vernizan hoxe non dubidarían en telo algún ano máis na cela 466/64 de Robben Island (foi o preso 466 de 1964).
Para pechar, e a propósito do exceso de doce, onte, o pasado 25 de xullo, moitos lembraban e citaban a Alfonso Rodríguez Castelao como símbolo da galeguidade.
O de Rianxo é hoxe un referente transversal para o conxunto da xente, pero non sempre foi así.
O 28 de xuño de 1984 foron repatriados e levados ao Panteón de Ilustres Galegos os restos mortais de Castelao, con milleiros de persoas congregadas denunciando que “os que o exiliaron agora lle facían a honra”.
Antes de dar entrada ao féretro a policía cargaba contra os manifestantes que berraban.
Non son a persoa indicada para dicirlles o azucre que lle teñen que engadir ás cousas, aínda que, se me permiten un consello moderen o seu consumo, non vaia ser que rematen esquecer o pasado.
