Lugo 31, xullo, 2018. O Grupo Provincial do PP conseguiu no Pleno de hoxe por unanimidade que a Deputación demande a Fomento a axilización da adxudicación e execución da obra de rehabilitación estrutural do firme da N-642 na Comarca da Mariña, entre Barreiros e San Cibrao.
O deputado popular, Demetrio Salgueiro, recordou que esta vía, “a principal arteria da Mariña lucense cunha carga de tráfico importante e máis no verán como vía de acceso ás praias, precisa unha reparación urxente”. De feito, “ao aumento de afluencia de visitantes durante o verán hai que engadir o paso, en setembro, dunha importante proba como é La Vuelta ciclista a España. Neste estado, será complicado o paso dos ciclistas profesionais pola Mariña”, como recordou Salgueiro.
Os deputados populares aplauden que a presentación desta moción xa cumprira o seu obxectivo co anuncio que recollía hoxe a prensa da rehabilitación do firme para o vindeiro mes de setembro. Nese sentido, o deputado mariñán quixo trasladar o apoio dos populares a esta infraestrutura.
Compromiso do anterior Goberno e apoio do GPP
O deputado popular recordou que “o PP fixo os deberes no seu momento”. De feito, o anuncio de licitación da Dirección General de Carreteras para a rehabilitación estrutural do firme na estrada N-642 foi publicado no Boletín Oficial do Estado o pasado 8 de xaneiro. En concreto, a intervención estaba prevista para os puntos quilométricos 26+950 ao 28+800 que discorre entre a conexión da N-642 coa N-643 e o núcleo de Mañente (situado entre os termos municipais de Barreiros e Foz) e para os puntos 36+500 ao 55+000 entre Fazouro e San Cibrao, que discorre polo termos municipais de Foz, Burela e Cervo. O orzamento de licitación ascendía a 2.920.972,54 euros e contempla tanto a reparación das zonas danadas como a renovación completa da capa de rodadura.
Posteriormente, no mes de marzo o Ministerio de Fomento anunciou o inicio de forma urxente da reparación do firme de varias estradas na provincia de Lugo, entre elas a N-642 entre os puntos quilométricos 2+200 ao 7+900, como paso previo á rehabilitación estrutural do firme. O departamento estatal explicaba ademais que a obra licitada en xaneiro, de rehabilitación estrutural do firme da N-642 nesta estrada que discorre entre Barreiros e San Cibrao, se atopaba en trámite de adxudicación.
Agora, coa chegada do novo Goberno, “a pesar de que cambiaron os axentes que poden impulsar a obra, esta continúa sen iniciar” como indicou Salgueiro. De feito, os populares preguntaron polos prazos que se manexan; xa que indican que Fomento adxudicará a obra en setembro e, polo tanto, non se dará inicio ás mesmas ata máis adiante “cando o anterior Goberno xa realizara a apertura de ofertas en marzo”.
Así mesmo, o Grupo Provincial Popular ten trasladado en diferentes ocasións a necesidade de que esta arteria de comunicación da Mariña vexa mellorado o seu estado. A última destas manifestacións foi a que trasladou no Pleno da Corporación Provincial do mes de febreiro apoiando unha moción do BNG para que se actuara na estrada axilizando a licitación, adxudicación e execución da obra de rehabilitación estrutural do firme.
O PP pide contar coas ANPAS na proposta sobre as piscinas
O Grupo Provincial do PP agradeceu que se traballe para desterrar as prácticas discriminatorias que antes existían na Deputación, para o que naceu o Plan Único, “que foi un gran avance e entra dentro do plan de provincia”. Elena Candia defendeu as iniciativas que pretenden axudar aos concellos máis pequenos, en concreto a proposta do BNG sobre o uso das piscinas climatizadas por parte dos escolares, que o PP apoiou, pero botou en falta que se cite ás ANPAS, polo que pediu que as asociacións de pais e nais sexan escoitadas, posto que son as que normalmente organizan este tipo de actividades.
En relación con estas infraestruturas, a voceira do Grupo Provincial do PP desvelou a existencia dun convenio co Concello da Pastoriza polo que se lle achega 130.000 euros, pero non aclaran cal vai ser o futuro desas piscinas -que seguen pechadas- se vai ter continuidade ou se o Concello é quen asume o mantemento. “Se cre que é para darlle a noraboa pola xestión, están moi equivocados”, destacou.
Candia lamentou que a historia das piscinas sexa similar á das residencias. “É un exemplo de xestión como o que tiña Besteiro de facer concellos de primeira e de segunda, neste caso tocando un tema moi sensible porque se fala de repartir beneficios das piscinas cando os concellos teñen que facer un esforzo grande para o seu mantemento e para que non pechen”.