Ribadeo, 1 de agosto de 2018. O equipo de goberno presentou, no pleno celebrado onte, unha moción de urxencia para que a Xunta de Galicia licite canto antes as obras de substitución da vella acometida de auga que vai á captación do río Eo, en Vilarbetote (Trabada), de acordo co proxecto que ten redactado e esquecido nun caixón desde hai anos. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que durante o mes de xullo se produciron cinco roturas na traída xeral, a última delas no día de onte, e advirte que calquera día a situación será de gravidade.
O rexedor ribadense explicou que “quixemos meter esta moción con carácter de urxencia, e foi adiante, derivada da problemática que padece Ribadeo desde hai bastantes anos no abastecemento de auga para o consumo humano do concello. Hai que ter en conta que unha das captacións principais de Ribadeo está no concello de Trabada, en Vilarbetote, a través dunha tubaxe de fibrocemento que ten moitísimos anos porque está construída a mediados dos 70, e hai tamén moitos anos que lle vimos pedindo á Xunta de Galicia que como obra supramunicipal, e como necesidade de actuar e de colaborar debe facelo posto que a Xunta de Galicia bimestralmente se nutre dos fondos dos veciños e veciñas que pagan, xunto co recibo da auga e do lixo, o canon da auga e o canon de saneamento que se ingresa directamente nas arcas da administración galega”.
Fernando Suárez dixo: “sabemos que está redactado un proxecto de substitución desta acometida, durante 20 quilómetros entre Santa Cruz, Ribadeo, e Vilarbetote en Trabada. Sabemos que ese proxecto que ten a Xunta redactado desde hai varios anos, teno no caixón, supón uns 5 millóns de euros, pero Ribadeo ben o merece, igual que o resto de concellos do país. Estamos vendo como habitualmente o DOGA publicita convenios bilaterais entre a Xunta e determinados concellos, aínda que eses concellos normalmente teñen o mesmo signo político que a Xunta. Queremos que a Xunta deixe dunha vez por todas de facer política con estas cousas básicas, como pode ser o feito de que a día de onte houbo unha nova rotura da traída xeral, no mes de xullo levamos cinco roturas. A cidadanía non se decata ata que un día unha rotura leve máis tempo do necesario o seu arranxo, se baleiren os depósitos de auga e quede a poboación desabastecida. Debemos ter en conta que no outro punto de captación, que é en Lexoso, que ven do río Grande, no verán hai moi pouca auga, e ao mesmo tempo hai que recordar que nestes últimos anos padecemos un problema gravísimo de aporte de lixiviados a ese río, que era no concello veciño de Barreiros, pero que nos inviabilizaba moitísimas veces poder usar esa captación”.
O alcalde de Ribadeo pídelle á Xunta de Galicia que “dunha vez por todas licite estas obras deste proxecto, que ten redactado dende hai anos, pero que non o quere facer. Non sabemos se agora está esperando a que haxa eleccións para facer que fai, pero non deberá xogar coa seguridade pública nin coa auga de todos os veciños e veciñas, que son dunha formación política ou doutra, pero todos temos dereito a que se nos trate igual por ser de Ribadeo que por ser de calquera outro concello, aínda que non sexamos da mesma cor política que a Xunta de Galicia”.
Outras mocións
Sobre o resto das mocións presentadas ao pleno ordinario de onte Suárez Barcia manifestou que “debemos salientar unha moción do PP sobre a adopción de acordos ante o final da loita armada por parte da banda ETA, onde o noso grupo demostrou que, como sempre, consideramos todo tipo de terrorismo abominable, condenamos todo tipo de terrorismo, pero botamos de menos unha actitude xenerosa por parte do PP para lograr consensuar unha moción na que se incluíran todas as vítimas do terrorismo. Por dúas veces tendémoslle a man ao PP, que se ben na primeira vez mostrou dúbidas, na segunda ocasión xa se pronunciou por non consensuar a moción e forzar a votación en base ao seu texto. Para nós todas as vítimas se merecen o mesmo trato e a xenerosidade por parte de todos para ver recoñecida a dor que padeceron”.
O rexedor engadiu que “tamén se aprobou unha moción do Bloque para declarar persoas non gratas aos compoñentes da Manada por esa violación que se levou a cabo hai un tempo e que moitísimos concellos de todo o Estado están condenando a actitude desas persoas polo que lle fixeron a esa rapaza. Finalmente aprobouse unha moción do PSOE sobre as agresións sexuais e violacións durante a celebración de festas populares e eventos públicos, e cunha proposta do goberno municipal, foi adiante intentando poñer, tanto pola parte do Concello como da Xunta de Galicia, todas as medidas posibles para que en situacións de eventos multitudinarios haxa un maior control”.
Memoria da residencia de maiores
Na sesión plenaria aprobouse a memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financieiro e de determinación da forma de xestión do centro de atención a persoas maiores de Ribadeo.
Fernando Suárez dixo que “o primeiro punto trataba de aprobar e informar favorablemente a memoria relativa a todos os aspectos xurídicos, técnicos, económicos e sociais, e da forma de xestión do novo centro de atención a persoas maiores de Ribadeo, que afortunadamente foi aprobado por unanimidade. A partir de agora vaise expoñer ao público, durante trinta días, para que os veciños e a xente en xeral que o dexese poida examinalo e facer alegacións se o estima convinte. De aí que estivéramos traballando durante estes meses estreitamente coa Deputación de Lugo, que é a outra entidade que nos bota unha man, para que esta realidade do centro de maiores se poña a funcionar canto antes, con garantías, con seguridade e sobre todo con estas máximas que sempre dixemos, que fora preferentemente para a xente de Ribadeo e que fose a prezos asumibles para as pensións e os rendementos económicos das xentes de Ribadeo”.
Tamén se aprobou a modificación da ordenanza que regula a ocupación de espazos públicos: “para evitar que asociacións sen ánimo de lucro, que ás veces utilizan o solo público, teñan que pagar unha taxa de ocupación para actividades que redundan no interese e na colectividade en xeral”.
Novo vieiro
O alcalde seguiu a relatar que “tamén se aprobou de maneira definitiva o proxecto técnico de substitución dun viario municipal polo novo SN-V2, que é o acceso desde a rotonda de Vilaselán, desde a autovía, ata unha nova rotonda que se plantexa diante da antiga estación do tren mineiro, e de aí confluír coa avenida Rafael Fernández Cardoso. Hai uns meses que foi aprobado inicialmente, expúxose ao público, houbo unha serie de alegacións e, segundo os criterios técnicos, unhas estimáronse e outras non. As alegacións que non se estimaron era porque non eran no momento procedimental adecuado, sobre todo aquelas que facían referencias aos valores expropiatorios. Agora o proxecto técnico está aprobado, é moi importante o paso que se deu porque grazas a que Ribadeo conta cun plan xeral de ordenación municipal pode establecer os deseños viarios e os accesos troncais importantes. Colgando do plan xeral puidemos facer este proxecto singular, expuxémolo ao público, acabamos de aprobalo definitivamente e agora só falta unha cousa, que é o máis importante tamén, que é o diñeiro. Agora, con este documento aprobado debaixo do brazo, chamaremos ás portas doutras administracións, do Estado, da Xunta, da Deputación, en definitiva de todas aquelas institucións que queiran axudarnos para ir aplicando todas as posibilidades que ofrece o vixente plan de ordenación municipal, para ir mellorando a accesibilidade e os fluxos de tráfico no ámbito urbano de Ribadeo”.
Fernando Suárez contou que “aprobamos tamén unha serie de modificacións neste proxecto de expropiación no que estamos traballando desde hai uns meses cun programa Life, para continuar o sendeiro, que remata actualmente no muíño de mareas das Aceas, e prolongalo un treito máis. Había unha serie de parcelas que mostraban algunha problemática de identificación, e incluso algunha tíñamos previsto expropiala cando xa desde hai anos figuraba como de patrimonio público. Polo tanto unha serie de modificacións de menor calado, pero importantes, para que isto se poida expropiar e executar a obra canto antes, dado que estamos neste proxecto colectivo entre o Concello de Ribadeo e varias universidades, as de Santiago, Oviedo e Lisboa, nun proxecto de eliminación de vexetación de ribeira que é alóctona, como poden ser os eucaliptos, e para ir gañando paso a este paseo que queremos facer ao longo da ría de Ribadeo, polo termo municipal de Ribadeo, e que sen dúbida está sendo un revulsivo desde o punto de vista turístico, de lecer, de práctica deportiva, etc…”.