O Valadouro 27-8-18. Despois de moitos traballos e esperas conseguímolo. Xa está aquí o Número 2 de Candea Branca, a revista do Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), unha publicación que pretendía ser anual, pero que, por diversas dificultades atopadas, excede a periodicidade dos 365 días. Esta segunda entrega abarca dende xaneiro do 2017 ata xullo do 2018.
Dentro de Candea Branca atopan cabida as plumas de moitos autores, estudosos e eruditos mariñáns, todos presentando traballos literarios e de investigación relacionados co noso Val ou con algunha outra zona próxima. Neste Número 2 temos colaboracións de Arturo Mogo, Antonio Reigosa, Andrés García Doural, Xoán Ramón Fernández Pacios, Lola Sánchez Orol, Paco Piñeiro, Xosé Isidro Fernández Vilalba, Fran Bouso, Claudia Pena, Pablo Mosquera, Beatriz Yáñez, Rita Morrigan, Alfonso Otero Regal, Pedro Rubal, Isaac Ferreira, Ramón Hermida, Alberto Geada, Lionel Rexes, Xabier Pardiñas, Pepe Blanco, Susi Paz e Miguel Vila.
Non faltará tampouco a sección de noticias do SEVA, onde se reflicten as actividades organizadas polo noso Seminario neste intervalo de tempo. Nin a sección dos máis novos, onde rapaces e rapazas do colexio Santa María do Valadouro, do colexio Castro de Ouro de Alfoz e do instituto Alfoz-Valadouro presentan tamén textos e investigacións da súa autoría.
Incluiranse tamén, como é costume, dúas amplas entrevistas: unha a Ana Lorenzo, xornalista de TVE natural do Barral, barrio de Mor, en Alfoz; e outra a Ramón Casas, profesor que foi do colexio de Alfoz e do instituto Alfoz-Valadouro, vinculado tamén ó noso Val polo teatro, pois actualmente é director do Grupo Teatral “Ollomao”, de Barreiros, que vai actuar proximamente na Semana do Teatro de Ferreira.
A presentación será en Alfoz, no Salón de Actos da Casa da Cultura, o vindeiro sábado, día 1 de setembro, ás 20,00 horas. Entrada libre.