Ribadeo, 12 de setembro de 2018. A comisión organizadora das patronais de Ribadeo fai unha valoración positiva das festas que se desenvolveron do 1 ao 10 de setembro. Comezaron o primeiro día de setembro co pregón que pronunciou o profesor Carlos Álvarez Lebredo e remataron o pasado luns co día no que os nenos e nenas puideron gozar das atraccións a prezos reducidos.
Desde a comisión de festas sinalan que “a pesares de ser unha comisión reducida en número, pero no teledirixida como algún pensa ou quere dar a entender, e grazas á axuda desinteresada de amigos e veciños a valoración que facemos ao remate das festas é positiva”.
Subliñan que “traballamos arreo, con cariño a Ribadeo, con humildade, boa vontade, honestidade, honradez e sobre todo con moito esforzo, xestionando da mellor forma posible todos os recursos económicos que tivemos ao noso alcance. Por iso damos unha e outra vez as grazas a todas as axudas recibidas, estamos seguros de que todas foron prestadas con boa fe, desde as máis tradicionais ás menos tradicionais… alá cada quen coa súa opinión. Todas elas foron respectadas por esta comisión”.
Os organizadores das festas de San Roque e de Santa María do Campo aseguran sentirse “agradecidos polas mostras de cariño dos veciños e veciñas cando nos abrían as portas das súas casas nos días nos que estivemos a pedir donativos. As achegas e as súas palabras dábannos a entender que non o estábamos a facer tan mal. Incluso os que non nos recibiron tan ben, tamén nos alentou velos os primeiros nos xogos infantís o día do neno, ou velos en primeira fila bailando diante das orquestras….tamén nos deu a entender que non o estábamos a facer tan mal”.
Para a comisión organizadora das festas patronais de Ribadeo “desde logo todo se pode mellorar, e pedimos desculpas polos erros que puidemos ter”.
E engaden: “e por suposto, nesta valoración, queremos mencionar de maneira moi especial, cariñosa e respectuosa a todos os veciños e veciños que viven na praza de España e no parque de San Francisco por aguantar tantos días todo o ruído que ocasionan unhas festas patronais. Intentamos respectar os horarios permitidos, pero aínda así pedimos desculpas e damos infinitas grazas pola súa comprensión e paciencia”.
A comisión agradece a colaboración e o apoio prestado polo Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia, Acisa, a Coral Polifónica de Ribadeo, a Banda Municipal de Música de Ribadeo, a Policía Local, aos Cocos e Cabezudos, a Faro Norte Comunicación, aos hostaleiros e comerciantes ribadenses, aos veciños e veciñas de Ribadeo, ao persoal de Obras e Limpeza do Concello “que se esforzaron para que estes días todo estivese sinalizado e limpo”, a Mar da Veiga, a Neny, a Bego Fraga, a Begoña García, a Rocío Brañanova e Íker, a Cani, a Xera e por suposto a Carlos Álvarez Lebredo, o pregoeiro deste ano”.