Lugo 6, setembro, 2018. O Partido Popular inicia o curso político marcándose como obxectivo recuperar alcaldías e a Deputación. Así o destacou a presidenta provincial, Elena Candia, durante a reunión da Xunta Directiva que os populares mantiveron esta tarde.
Para elo, a dirixente do Partido subliñou que “contamos con todos. Seguimos xuntando xente nova e sumando afiliación. É un bo momento para facer fichaxes independentes e de prestixio profesional ou intelectual. Quédannos oito meses por diante de moito traballo”; un tempo no que os populares, destacou, “nos deixaremos a pel para que en maio de 2019 o compromiso que temos coa provincia se traduza nun bo resultado nas urnas”.
“Moita ilusión e gañas”
A este respecto, Elena Candia, remarcou que “temos moita ilusión, gañas e os mimbres para que os lucenses se sintan realmente representados, e iso só pode ser, dixo, se mantemos e recuperamos alcaldías”.
Neste obxectivo, a presidenta apuntou que “non partimos de cero”. “Somos un Partido que sabe gañar eleccións e cunha gran capacidade de xestión cando dirixe as administracións. O exemplo contrario témolo na Deputación, no propio Concello de Lugo e agora no Estado; tres escenarios, indicou, moi semellantes, pois o presidente que temos en San Marcos foi accidental, a alcaldesa que temos na Praza Maior foi accidental e Sánchez tamén chegou á Moncloa por accidente e pola porta de atrás”.
“Os gobernos do PSOE non son útiles”
Neste senso, engadiu que “os gobernos do PSOE non son útiles. Xa non enganan a ninguén, pois son especialistas na imaxe e nas fotos. Só niso. Ademais, no caso da nosa provincia son un Partido sen proxecto político e absorvido e abducido polo enfrontamento interno. Vémolo a diario na Deputación, onde o único que conseguiron coas súas liortas foi desprestixiar a esta Institución. Sen embargo, dende o PP, e lonxe de ser triunfalistas, fomos a panca de cambio necesaria para que hoxe existan plans dos que se benefician os 67 Concellos”. É o caso, lembrou, dos Plans Único e de Estradas, ou mesmo para aprobar os Orzamentos.
Por tanto, engadiu: “temos que seguir motivados reverter o escenario político actual e para seguir sendo a única forza que demostra que o que di o traduce en feitos. Por algo somos o primeiro Partido de Galicia, o primeiro de España e somos a forza máis votada na nosa provincia”, destacou.
O PP, á altura das circunstancias
A presidenta dos populares tamén reflexionou sobre o proceso interno que vén de afrontar o Partido a nivel nacional, destacando que “soubemos estar á altura, como tamén o estaremos durante estes meses”. “Temos que ser a voz dos veciños dos 67 Concellos, acadando a súa confianza e poder devolver a estabilidade perdida cos dixirentes socialistas”, concluíu.